O BNG PROPÓN CINCO DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS, UN TOPE DO 3% NO INCREMENTO DA MASA SALARIAL E UN CARGO DE CONFIANZA

O alcalde presenta unha proposta sen os votos para aprobala.

 O Responsábel Local, Manuel Barreiro, reitera a Son de Teo e PSOE que sen dialogar e consensuar co BNG non teñen a maioiría suficiente e lembra que hai unha semana que o alcalde sabe cal é a nosa posición e presentou a proposta sen ter os votos para aprobala.

O alcalde presenta unha proposta sen os votos para aprobala.

O BNG non apoia a proposta de dedicacións do alcade que foi presentada no pleno do Concello de Teo de hoxe. Queda moi claro que realmente quen está paralizando o concello é a falla de vontade do goberno municipal para chegar a acordos

O BNG comunicou a decisión, tomada pola súa asemblea, de non apoiar a proposta da Alcaldía a semana pasada nunha reunión que mantiveron os representantes de Son de Teo, PSOE e Bloque. Nesa reunión a proposta nacionalista foi, cinco dedicacións, non incrementar a masa salarial e un cargo de confianza. Os nacionalistas consideran excesiva a proposta do grupo de goberno, 5 dedicacións completas e unha do 75%, cun incremento da masa salarial de máis do 11,6% que pasaría de 185.000€ a máis de 206.400€.

O portavoz nacionalista Manuel Anxo Fernández Baz sinalou que “o goberno de Son de Teo e PSOE  non asume os resultados das eleccións e a nova situación, perderon a maioría absoluta e polo tanto teñen que sentarse a negociar sen posicións totalizadoras, apriorísticas e inamobibéis” e continuou “o Bloque apoiou a investidura de Rafael Sisto por responsabilidade mais xa advertimos que iso non era un cheque en branco e que se precisan os votos do noso grupo terían que cambiar a actitude mantida no mandato anterior. Sen diálogo e sen negociar as propostas co Bloque non terán o noso apoio”.

Manuel Barreiro, Responsábel Local do BNG en Teo, sinalou que “a proposta do BNG é ben razoábel, cun goberno que ten un concelleiro menos que no anterior mandato. O Bloque xa  gobernou Teo con este esquema. Por tanto é posíbel.”  Así mesmo reitera “o compromiso de apoio ao goberno e de responsabilidade por parte do Bloque, sempre que exista vontade de achegar posicións e dialogar as propostas, cousa que polo de agora non se fixo. O Bloque ten vontade de construir e acadar acordos, maís co compromiso adquirido coa veciñanza de administrar con sensatez os cartos públicos” e finalmente lémbralle ao alcalde “que para sumar a maioría de 9 concelleiros precisan de nós”.

Por todo isto, o BNG cualifica esta actuación de irresponsábel e rexeita tal forma de proceder, xa que tanto falan do diálogo é hora de que o practiquen. Un concello con case 20.000 habitantes non pode estar paralizado un mes polos caprichos de Son de Teo e PSOE, é urxente un goberno que se poña a traballar de inmediato.