O alcalde de Teo promove a censura eclesiástica no uso de locais públicos

Captura de pantalla 2018-12-12 a las 17.40.52

Fernández Baz denuncia que o alcalde leva a pleno un convenio co Arcebispado feito sen informes xurídicos nin económicos ao que cualifica de "paripé electoralista do alcalde"

O alcalde de Teo promove a censura eclesiástica no uso de locais públicos

O alcalde de Teo xunto co PSOE levan a pleno unha proposta de convenio coa Igrexa Católica que vulnera a normativa local e carece de informes xurídicos e económicos, e que se traduce, tal como manifesta o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, “nunha manobra electoralista que pretende hipotecar á veciñanza e aos futuros gobernos locais”.

O portavoz nacionalista pon de manifesto que “Son de Teo e o PSOE levan catro anos a xogar coas necesidades da veciñanza executando as obras e as inversións segundo a proximidade das citas electorais.” E engade que “agora, en lugar de xestionar con seriedade a recuperación e uso de espazos que son propiedade da Igrexa, converten reclamacións históricas da veciñanza e do BNG, como é a carballeira da Tomada, en Calo, a Horta do Cura, en Luou, e a recuperación das casas reitorais que están en estado de abandono, nun paripé entre o Arcebispado e o goberno Anova-PSOE, co alcalde á cabeza”.

Para o BNG de Teo o ‘convenio de colaboración’ é un contrato leonino, no que a parte beneficiada é a Igrexa e non os veciños e veciñas de Teo, feito á desesperada pola proximidade das eleccións municipais, con compromisos entre o Arcebispado e o alcalde, sen informe económico como é preceptivo e que hipotecaría aos próximos gobernos locais.

Por riba, indica Fernández Baz, que “o máis grave deste “convenio”, para o BNG e para calquera demócrata, é que lle da á autoridade eclesiástica capacidade de prohibir actividades arbitrariamente aínda que o Concello pague un aluguer, impedindo desenvolver actividades consonte á imparcialidade e defensa dos intereses xerais que debe perseguir a administración pública”. Neste sentido remarcou que “tal e como está establecida a cláusula novena estarían prohibidas por exemplo charlas sobre a orixe do mundo, sobre a diversidade sexual, o aborto ou o divorcio nos locais públicos que pagamos todas as veciñas e veciños de Teo.”

O alcalde de Teo promove a censura eclesiástica no uso de locais públicos