ASINAMOS A PROPOSTA DE MOCIÓN PRESENTADA POLA ANPA DO COLEXIO

O BNG de Teo apoia as reivindicacións da comunidade educativa e da ANPA de Calo polo mantemento do profesorado e dos servizos complementarios nos CEIPs de Teo

CEIP de Calo
CEIP de Calo

O BNG en Teo subscribe as lexítimas e xustas reclamacións dos pais e nais e dos traballadores e traballadoras do centro afectado, apoiando e asinando a proposta de moción presentada pola ANPA do Colexio

O BNG de Teo apoia as reivindicacións da comunidade educativa e da ANPA de Calo polo mantemento do profesorado e dos servizos complementarios nos CEIPs de Teo

Nestas últimas semanas do curso escolar vanse coñecendo noticias e denuncias sobre a actuación da Xunta de Galiza no que ten a ver co peche de colexios, a redución de unidades educativas, a eliminación de prazas docentes e o recorte dos servizos complementarios dos centros. Estas decisións adoptadas cando remata o curso escolar e sen previo aviso para a comunidade educativa, tal e como denuncian as anpas e o persoal dos centros, tamén afectan aos colexios do concello de Teo.

Así, no caso do CEIP de Calo, tal e como denuncia a ANPA, pérdese unha praza de educación infantil, ao ser trasladada unha mestra reducindo o cadro de profesores de 8 a 7, e tamén perde un curso de 4º de infantil. Ademais, a ANPA vén de expresar a súa preocupación diante da próxima xubilación dunha profesora e dúas traballadoras da cociña, porque poidan ser aproveitadas para seguir reducindo tanto o cadro de profesores coma os servizos complementarios. Unha sospeita que para o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, “fundaméntase na política practicada polo PP de recortar e precarizar os servizos públicos fundamentais como a educación.”

Diante desta situación, o BNG en Teo subscribe as lexítimas e xustas reclamacións dos pais e nais e dos traballadores e traballadoras do centro afectado, apoiando e asinando a proposta de moción presentada pola ANPA do Colexio na que se solicita que: “a Consellería de Cultura, Educación e O.U. manteña na súa totalidade o persoal educativo do CEIPs de Teo, e do de Calo en particular, e que se garanta a continuidade de todos os servizos que presta o CEIP de Calo, moi particularmente o da cociña. Por outra banda, reclámase o apoio ás reivindicacións das comunidades educativas dos centros públicos de Galicia que se opoñen ao peche de colexios e ao deterioro do ensino público. E finalmente acórdase dar traslado deste acordo a consellería de Cultura, Educación e O. U e a todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia.”

Fernández Baz destaca que “o BNG apoia á comunidade educativa de Teo nas súas lexítimas e xustas demandas, na liña das iniciativas e das denuncias que ven formulando o BNG estes días no Parlamento galego sobre o peche de centros, a eliminación de unidades educativas, a redución de profesorado e a precarización de servizos.” E conclúe reclamándolle á Xunta “que informe e negocie coa comunidade educativa, a través dos seus representantes sindicais e as ANPAs, calquera mudanza no mapa de centros públicos, nos cadros de persoal e na oferta educativa do ensino público galego.”