Reunímonos de novo con SdT e PSOE mais a negativa do alcalde a calquera outra proposta impide o acordo

Cartela dedicacións2

Fernández Baz advirte que as ameazas do alcalde non son o camiño para acadar un acordo e convida a Son de Teo a reflexionar

Reunímonos de novo con SdT e PSOE mais a negativa do alcalde a calquera outra proposta impide o acordo

O BNG reuniuse de novo cos grupos municipais de Son de Teo e PSOE para intentar acadar un acordo que remate coa situación de parálise na que o goberno municipal ten sumido ao Concello de Teo. O alcalde persiste en que a proposta que o goberno municipal levou ao pasado pleno de organización é innegociábel. Ademais, nun "alarde de talante democrático e vontade de acordo", incluíu, nin máis nin menos, a obriga para o BNG de entrar no goberno municipal.

Así pois, queda moi claro que a intención do alcalde para acadar un acordo é nula, pois nega outra opción que non sexa aprobar a súa proposta.

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, subliñou que “lamentamos que Son de Teo persista na actitude que mantivo ao longo das últimas semanas de non contemplar outra opción que non sexa a de incrementar as dedicacións e o gasto en cargos electos nun 12% e negarse a calquera outra proposta", e engadíu que "é a actitude do goberno municipal a que paraliza o Concello, ao non asumir o resultado do 26 de maio e persistir nos comportamentos do pasado mandato, con actitudes perigosas e irracionais, cando non caprichosas."

Manuel Barreiro, Responsábel Local do BNG, destacou que “o Bloque acudirá cantas veces sexa convocado sempre que haxa unha vontade de acordo e unha proposta seria e alternativa. Non volveremos a sentarnos para que o Sr Sisto volva unha e outra vez aos argumentos que xa coñecemos e rebatemos no pleno, Son de Teo e PSOE saben sumar e saben o que teñen que facer para ter unha maioría suficiente para sacar as propostas adiante”, tamén sinalou que “o Sr Sisto debería preocuparse de traballar e non de intentar mandar no BNG, que ten os seus órganos de decisión, que rexeitaron de xeito democrático entrar no seu goberno", ao que engadiu que "a actitude amosada nestas semanas polo goberno municipal reafirma a decisión adoptada."

Reunímonos de novo con SdT e PSOE mais a negativa do alcalde a calquera outra proposta impide o acordo