O BNG comprométese coa declaración BIC da ponte medieval de Pontevea.

PonteveaBIC2016
PonteveaBIC2016
O BNG comprométese coa declaración BIC da ponte medieval de Pontevea.

O BNG das localidades de Teo e A Estrada realizamos na praia fluvial de Pontevea un acto reivindicativo para a declaración como BIC (Ben de Interese Cultural) da ponte medieval de Pontevea.

Este acto, protagonizado por militantes e simpatizantes, contou coa presenza e apoio de Rosana Pérez Fernández, ex-deputada do BNG no Congreso e candidata ao Parlamento Galego, e Daniel Rodas Chapela, que foi deputado no Parlamento Galego na pasada lexislatura, de Susana Camba Castro, candidata da Estrada ao Parlamento Galego, así como dos portavoces do BNG en Teo e na Estrada, Manuel Anxo Fernández Baz e Xosé Magariños Maceiras, respectivamente.

Con este acto, queremos deixar clara máis unha vez a nosa aposta pola declaración BIC da ponte medieval de Pontevea, unha declaración impulsada pola organización nos concellos da Estrada e de Teo e no Parlamento Galego, e actualmente en trámite por parte da Xunta de Galiza.

O concelleiro do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, afirmou que “se o BNG ten responsabilidades de goberno a partir do 25 de setembro, non deixaremos que fique no olvido a declaración BIC da ponte de Pontevea como parece que quere facer o PP, dándolle un forte impulso para que a declaración se faga canto antes.” Por outra banda, engadíu que “o obxectivo do BNG é poñer en valor a Ponte e toda a contorna desde a Burga, pois ten unha gran potencialidade desde o punto de vista turístico, ademais do que representa para o concello de Teo.”

Neste sentido, Fernández Baz explicou que o BNG leva no seu programa “a elaboración de planos directores territoriais do Patrimonio Cultural que estuden e desenvolvan estratexias culturais e económicas transversais de protección e posta en valor do patrimonio cultural”. E destacou que é “unha proposta que se enmarca nunha estratexia na que se implicarían tamén as administracións locais”.

Finalmente, o portavoz nacionalista lembrou a necesidade de traballar pola recuperación e a promoción do patrimonio histórico-natural existente no concello de Teo, e nomeadamente pola recuperación e posta en valor da contorna da Burga.