Celebramos un encontro para falarmos da concentración de montes en Teo

Fernández Baz chama á participación para que se remate a ordenación do monte que foi paralizada polo actual goberno da Xunta

Celebramos un encontro para falarmos da concentración de montes en Teo

Organizamos un encontro veciñal sobre a concentración de montes nas parroquias de Lampai, Luou e Rarís o pasado mércores 17 de outubro no local da Asociación da Mámoa en Luou.

No acto participaron como ponentes Xoán Manuel Reyes Salgado “Reices”, enxeñeiro agrónomo; Martiño Nercellas Méndez, biólogo; Xosé Luis Rivas Cruz “Mini”, deputado do BNG no Parlamento galego; e Manuel Anxo Fernández Baz, portavoz do BNG en Teo. 

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, puxo de manifesto que “este encontro organízase a iniciativa veciñal en tanto que a ordenación do monte é un tema recorrente entre os veciños e veciñas, e nomeadamente das parroquias de Lampai, Luou e Rarís,” e engadiu que “nestas parroquias xa está realizado o levantamento topográfico, pero a Xunta do PP decidiu paralizar o proceso de concentración.” Por outra banda, Fernández Baz destacou que “vai depender dos propietarios e propietarias que se retomen os traballos e sexa culminada a concentración, e por iso chama á participación veciñal porque é necesario un esforzo colectivo para reclamala.” Baz incidiu na necesidade de “poñer en valor o monte e para iso é imprescindíbel unha ordenación que permita dispoñer as condicións para obter a máxima rendibilidade”, e rematou destacando que “a Xunta ten que rematar estes procesos iniciados en 1999 para avanzar na racionalización da estrutura forestal.”