A Xunta non cubre as ausencias do persoal no Centro de saúde de Calo

Manuel Anxo Fernández Baz, puxo de manifesto a situación do Centro de Saúde de Calo: “O día 8 de outubro, un doutor atendendo todas as consultas. Tiña 52 pacientes na lista. A doutora está de vacacións e non se cubreu a ausencia.”
A Xunta non cubre as ausencias do persoal no Centro de saúde de Calo

Vimos de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar que o Sergas cubra as ausencias xustificadas do persoal do Centro de saúde de Calo para garantir unha asistencia sanitaria digna e non sobrecargar aínda máis ao persoal médico.

A nosa deputada no Parlamento galego, Montserrat Prado Cores destacou que “a política do Sergas de non substitución do persoal, nin nos seus permisos, nin vacacións está a ter como consecuencia a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal, pola presenza dun número de profesionais insuficiente para atender a demanda existente.” Ao que engadiu que “a sobrecarga do persoal, o peche de axendas, a desorganización pola necesidade constante de “redistribuír” a demanda asistencial, a duplicidade das citas, as demoras nas citas de máis dunha semana, de 10 días de media, o teléfono desbordado. Todo isto leva a un aumento das persoas que se ven obrigadas a acudir aos PAC para que as atendan, que tamén traballan continuamente baixo mínimos”. En definitiva, “estamos diante dun auténtico despropósito, tanto para  profesionais como para  doentes.

O portavoz municipal Manuel Anxo Fernández Baz, puxo de manifesto a situación do Centro de Saúde de Calo, como claro exemplo desta situación: “día 8 de outubro, un doutor atendendo todas as consultas. Tiña 52 pacientes na lista. A doutora está de vacacións e non se cubreu a ausencia”. Esta situación leva repetíndose desde hai tempo, tal e como manifestan os profesionais, o que provoca que o facultativo teña que ampliar necesariamente a súa xornada laboral, ademais de agardas importantes en tempo para os e as doentes, que poden superar unha hora desde que se concerta a cita até que se atende en consulta motivado pola imposibilidade de atender de maneira profesional a tantos pacientes.
Fernández Baz subliñou que “chama a atención ademais que o que se considera a situación de “normalidade” neste centro de saúde é que a doutora e o doutor atendan cupos de máis de 1.600 pacientes. Así pois, cando non se cubren as ausencias xustificadas do persoal un doutor atende un cupo de máis de 3.000 pacientes”.

En consecuencia o BNG reclámalle ao goberno galego que cubra as ausencias do persoal do Centro de saúde de Calo (Teo) para garantir unha asistencia sanitaria digna á veciñanza e non sobrecargar brutalmente o cadro de profesionais. Así mesmo tamén rexistrou preguntas para coñecer a opinión da Xunta diante desta situación.