Esiximos un enlace coa AP-9 en Teo e un novo PXOM

Captura de pantalla 2019-03-15 a las 10.54.54

Manuel Anxo Fernández Baz considera imprescindíbel un enlace coa autoestrada que reforzaría as comunicacións e o impulso ao tecido empresarial e tamén un novo PXOM para o impulso da actividade económica e a xeración de emprego no concello

Esiximos un enlace coa AP-9 en Teo e un novo PXOM

O BNG de Teo esixe ao goberno central que atenda a demanda das veciñas e veciños para construír un enlace coa autoestrada AP-9 no termo municipal de Teo. Para o candidato á alcaldía do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, un enlace coa autoestrada reforzaría as comunicacións e as posibilidades de dinamización económica do concello. Así, e por exemplo, Fernández Baz destaca que “evitaría que tiveramos que saír ou entrar no Milladoiro, con toda a problemática que xenera en canto a tráfico, e por outra parte reforzaría as comunicacións cun futuro polígono industrial e de servizos imprescindíbel en Teo para xerar emprego e dinamizar a economía local.” O candidato nacionalista reclamou ademais a gratuidade da AP-9, e especialmente no tramo que vai de Santiago a Padrón, co propósito de aliviar o tránsito da N-550 ao seu paso por Teo, así como reducir os problemas que se producen no Milladoiro.

Por outra banda, e desde decembro de 2014, cando o TSXG anulara parcialmente o PXOM de Teo, por carecer dos estudos e informes preceptivos de impacto ambiental, en Teo hai unha norma de ordenación en stand-by. O goberno municipal de Son de Teo e PSOE anunciara en febreiro de 2016 que ía revisar o PXOM o que na práctica implicaría elaborar un novo documento urbanístico, pero a día de hoxe, tres anos despois do anuncio, nada sabemos da tramitación do novo Plan aínda que xa se teñen aprobado partidas nos orzamentos para a súa elaboración. Neste sentido, Fernández Baz destacou que “Teo precisa un novo PXOM que aporte seguridade xurídica en materia urbanística fundamentado en criterios de sostibilidade e protección ambiental e que permita o desenvolvemento dun polígono industrial e de servizos para a dinamización económica local e a xeración de emprego.”

Esiximos un enlace coa AP-9 en Teo e un novo PXOM