Pedimos no Parlamento Galego que a Xunta a reconsidere a decisión de rematar a autovía en Xermeade e seguridade viaria en Pontevea

Cruce das estradas AC-841 e AC-241
Cruce das estradas AC-841 e AC-241

O concelleiro do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz apoia a reclamación veciñal de medidas de seguridade viaria na localidade e promove unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza  na que se insta á Xunta a reconsiderar a decisión de rematar a autovía en Xermeade, con toda a problemática que vai supor na intersección coa AC-841, e ampliar a prolongación até o termo municipal da Estrada.

Pedimos no Parlamento Galego que a Xunta a reconsidere a decisión de rematar a autovía en Xermeade e seguridade viaria en Pontevea


 

O BNG vén de formular no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a reconsiderar a decisión de rematar a autovía en Xermeade, con toda a problemática que vai supor na intersección coa AC-841, e ampliar a prolongación até o termo municipal da Estrada.

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz achegouse onte até Pontevea para coñecer de primeira man as preocupacións e demandas da veciñanza e de diversas asociacións, que lle transmitiron a súa intranquilidade cos tres quilómetros de continuación que converterán o cruce das estradas AC-841 e AC-241 nun funil e que incrementará o tránsito e os problemas de seguridade viaria da zona.

Fernández Baz manifestou que “desde o BNG vimos pedindo desde hai anos un plan de seguridade viaria e de humanización de Teo de carácter integral na procura dunha mellor calidade de vida no noso concello e esta decisión xera moita preocupación social en tanto que supón un problema engadido para un núcleo poboacional que xa ten moitos problemas de inseguridade viaria e non tanto polo tráfico que soporta, senón máis ben pola ausencia de medidas en materia de seguridade viaria e de humanización.”

Esta decisión é certo que supón reducir de xeito significativo o tráfico que agora circula por Chao do Río e o Ferreiriño, tal e como figura no argumentario da Xunta, pero tamén é certo, e como consecuencia lóxica do anterior, que vai supor un problema engadido en Pontevea, en tanto que todo o tránsito que circule pola autovía con dirección A Estrada vai desembocar no lugar Xermeade e terá que incorporarse á AC-841 na intersección coa AC-241, nun cruce perigoso e no centro de Pontevea.Así pois, o BNG leva ao Parlamento unha proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galiza a ampliar a prolongación da AG-59 até o termo municipal da Estrada e a acometer un plan se seguridade viaria e humanización da AC-841 no termo municipal de Teo, e concretamente entre os puntos quilométricos 11 e 12 na parroquia de Reis.