PARTIRÁ DO CRUCE DE SOLLÁNS O VINDEIRO SÁBADO ÁS 12 HORAS E PERCORRERÁ O TRAMO ATÉ SANTO DOMINGO PARA REIVINDICAR UN PLAN DE SEGURIDADE VIARIA E DE HUMANIZACIÓN.

O BNG organiza unha andaina para reclamar seguridade viaria en Teo

Convocamos unha andaina popular para denunciar os graves problemas de seguridade viaria que sofren os veciños e veciñas de Teo.

O BNG organiza unha andaina para reclamar seguridade viaria en Teo

O BNG de Teo convoca unha andaina popular para denunciar os graves problemas de seguridade viaria que sofren os veciños e veciñas de Teo ao tentar desprazarse a pé polas beiras das estradas. Será o sábado 18 ás 12 horas, con saída no cruce de Solláns e percorrido até Santo Domingo.

Esta andaina forma parte da campaña pola seguridade viaria do BNG e ten como obxectivo conseguir un Plan de seguridade viaria e de humanización do concello, e a súa execución para resolver os problemas que sufrimos os veciños e veciñas.

A andaina ten como propósito demostrar na práctica as dificultades que os veciños e veciñas do municipio atopan decote para evitar atropelos ou accidentes, “_dada a estreiteza das estradas, a carencia de zonas habilitadas para o paso de peóns e o mal estado no que se atopan as beiravías e gabias en practicamente toda a rede viaria interior do concello_”. Algo que desde o BNG veñen denunciando xunto con outros graves problemas de seguridade viaria en todo o territorio municipal.

Desde o BNG de Teo animan á veciñanza a participar nesta andaina, portando chalecos de seguridade.  “_Trátase dun pequeno percorrido que non levará máis de 20 minutos, pero onde se poderá visualizar as múltiples ocasións en que a pericia de peóns e condutores/as evitan  accidentes de graves consecuencias_”, afirman desde o BNG teense, algo que non debería suceder se se estabeleceran unhas mínimas medidas de seguridade viaria que permitiran camiñar con tranquilidade polas vías do concello.