COMEZA O NOVO CURSO SEN INFORMACIÓN SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL

O BNG pregunta no Parlamento sobre a actuación da Consellería de Sanidade diante do brote de tuberculose no IES de Cacheiras

O SERGAS e a ANPA confirmaron que estaban diante do brote máis grande nun centro de ensino desde o ano 2000.

O BNG pregunta no Parlamento sobre a actuación da Consellería de Sanidade diante do brote de tuberculose no IES de Cacheiras

Dende o BNG de Teo promovemos que o grupo parlamentar do BNG interpele á Xunta sobre a xestión do episodio de tuberculose detectado no mes de xuño no IES de Cacheiras.

A información sobre o diagnóstico da persoa afectada foi coñecido o 20 de xuño. Así e todo,non é até finais dese mes cando se fai a proba da tuberculina aos compañeiros e compañeiras da aula da persoa afectada. O 3 de xullo confírmase que hai 5 alumnos, 7 profesores e conserxe con reacción, e inmediatamente mándanos a facer analíticas. Diante disto comezan a chamar ao alumnado doutros cursos para facer a proba por precaución. Na semana do 20 de xullo o centro colabora co Hospital Clínico, que recoñece non ter persoal suficiente para chamar e facer probas a máis de 800 persoas, chamando ao alumando segundo o ritmo marcado pola Consellería.

O preocupante para os pais e as nais, e para a comunidade educativa en xeral, é que, cando comeza o novo curso, non dispoñen de información sobre a situación actual. E ademais denuncian a tardanza no chamamento para realizar as probas.

Diante da magnitude do brote nun centro de ensino e da lóxica alarma social xerada e alimentada pola ausencia de información, e nomeadamente da xestión realizada por parte da Consellería de Sanidade, o BNG interpela á Xunta sobre o protocolo a activar por parte do Sergas diante dun brote de tuberculose, e ademais se se teñen activado en tempo e forma no caso do brote detectado no IES de Cacheiras en Teo. Por outra banda, tamén se pide información sobre cal foi a razón pola que se demorou tanto no tempo a realización das probas da tuberculina á comunidade educativa así como á poboación de risco por ter contacto coa mesma, e sobre as actuacións que teñen realizado para informar á comunidade educativa e ás familias. Finalmente, inclúense dúas cuestións sobre a situación da Unidade de Tuberculose do CHUS e a disposición da Xunta de Galiza para incrementar os recursos humanos e materiais para actuar con premura e controlar episodios como o sucedido en Teo.