Presentamos unha emenda de 200.000 euros aos Orzamentos da Xunta para 2018

Foto: Turismo.gal
Foto: Turismo.gal

O Conselleiro e os Alcaldes fixeron a foto de propaganda mais aínda ningunha das administracións presentou ningún plan nin por suposto dotación orzamentaria.

Presentamos unha emenda de 200.000 euros aos Orzamentos da Xunta para 2018

Impulsamos xunto aos compañeiros e compañeiras do BNG da Estrada a declaración da ponte medieval de Pontevea como Ben de Interese Cultural. Obxectivo que acadamos o día 9 de novembro. Esta reclamación historica do BNG non se fixo coa idea de que ficara só nun papel, senón que buscamos darlle unha maior proxección á zona da ponte e á rio Ulla ao seu paso por este fermoso enclave.

Coa demanda da declaración BIC da Ponte tamén se buscaba dotala dun maior nivel de protección que o que tivo até agora, mais para iso necesítanse investimentos. Nese sentido presentamos cunha emenda conxunta de 200.000 euros aos Orzamentos da Xunta para 2018 dirixida á posta en marcha dun plan integral de rehabilitación, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial. O Conselleiro e os Alcaldes fixeron a foto de propaganda mais aínda ningunha das administracións presentou ningún plan nin por suposto dotación orzamentaria. Así pois, agardamos que teñan en consideración a emenda formulada para dotar económicamente o Plan e así deixar a política de propaganda.

Esiximos que se valore axeitadamente a Ponte e a súa contorna como elemento turístico, cultural e social, que se actúe na súa conservación e mantemento e que se dinamice con fins de aproveitamento tanto por parte da veciñanza coma dos visitantes. É importante que o legado histórico que supón este elemento patrimonial e arquitectónico sirva non só de elemento físico de unión das dúas beiras do Ulla, senón como eixo dinamizador dunha zona que comparte mesmo tradicións culturais, como por exemplo, os Xenerais da Ulla.

Demandamos por tanto ao alcalde de Teo, Rafael Sisto (ANOVA) que aúnen esforzos co alcalde da Estrada, para desde as institucións que representan fagan as xestións oportunas co fin de que a Xunta acepte esta emenda e poña en marcha o anunciado, e que coordinen o traballo conxunto das tres institucións nun plan de dinamización social e económica para a zona, dotado das partidas orzamentarias necesarias para tal fin.