Reclamamos un Plan Integral de Valorización da Pontevea

IMG_1064

Presentaremos mocións nos concellos de Teo e A Estrada reclamando actuacións das administracións locais e da Xunta de Galiza

Reclamamos un Plan Integral de Valorización da Pontevea

Os concelleiros do BNG de Teo e da Estrada, Manuel Anxo Fernández Baz e Xosé Magariños, así como o deputado no Parlamento Galego, Luis Bará, fixeron pública na ponte de Pontevea a moción que van presentar instando á Xunta de Galiza a elaborar un Plan Integral de Valorización da ponte medieval e a súa contorna, declarada BIC hai un ano a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego.

O acto tamén contou coa presenza de representantes da Asociación Entreaspontes, que nos últimos meses levaron a cabo un intenso e importante traballo de limpeza e desbroce da praia fluvial, situada a carón da praia.

O portavoz municipal de Teo, afirmou que “Esta reclamación da declaración BIC por parte do BNG non se fixo coa idea de que ficara só nun papel, senón que buscamos darlle unha maior proxección á zona da ponte e á rio Ulla ao seu paso por este fermoso enclave, aproveitando o potencial natural da contorna do rio. Nese sentido xa presentamos unha emenda de 200.000 euros aos Orzamentos da Xunta para 2018 dirixida á posta en marcha dun plan integral de rehabilitación que foi rexeitada polo Partido Popular. Pasou un ano desde a declaración mais nin a Xunta nin os Concellos presentaron ningún plan nin por suposto dotación orzamentaria.

O concelleiro nacionalista explicou que “ademais da moción que rexistraremos en ambos os dous concellos, o deputado do BNG, Luis Bará, tamén rexistrará unha serie de iniciativas para que a Xunta elabore o Plan Integral de Valorización da ponte medieval en estreita colaboración cos concellos da Estrada e de Teo”. O deputado Luis Bará, puxo o acento en que “a administración autonómica ten que implicarse nunha dupla vertente, por unha parte deseñando o Plan en colaboración cos concellos, e por outra, e non menos importante, dotándoo economicamente para que sexa unha realidade”.

Desde o BNG reclamamos que se valore axeitadamente a Ponte e a súa contorna como elemento turístico, cultural e social, e que se actúe na súa conservación e mantemento, así como que se aposte pola dinamización con fins de aproveitamento tanto por parte da veciñanza como dos visitantes.

En definitiva, desde o BNG demandamos á Xunta de Galiza e aos alcaldes de Teo e A Estrada que acheguen esforzos e coordinen o traballo conxunto das tres institucións nun plan de dinamización social e económica para a zona, dotado das partidas orzamentarias necesarias para tal fin, e que sexa executado.

Reclamamos un Plan Integral de Valorización da Pontevea