O BNG está sorprendido pola postura de confrontación mantida polo PSOE na reunión de hoxe

Instamos a Son de Teo e PSOE a achegar posturas a respecto da alcaldía

O BNG está sorprendido pola postura de confrontación mantida polo PSOE na reunión de hoxe

O BNG cualifica a reunión mantida con Rafael Sisto (Son de Teo) e Uxía Lemus (PSOE) como sorprendente polo clima enrarecido e polas posturas tan distantes mantidas por ambas formacións, máis aínda tendo en conta que aínda son socios de goberno. E instou a Son de Teo e PSOE a achegar posturas a respecto da alcaldía.

Na reunión Son de Teo, e en base ao argumento de que son a forza de esquerda con máis votos, reafirmouse en que só votarán a candidatura de Rafa Sisto no pleno de investidura, reaccionando deste xeito diante da postura de confrontación e da proposta do PSOE de propoñer a Uxía Lemus como candidata á alcaldía. Desta maneira Son de Teo deixa ás claras que non hai opción posíbel de cara ao pleno de elección de alcalde se o obxectivo real é que o PP non acceda á alcaldía de Teo.

Diante desta situación, o bloque quere destacar o papel relevante e de responsabilidade que esta a ter na procura dun acordo de investidura en Teo que impida o acceso do PP á alcaldía. E lembra que o electorado escolleu unha maioría de esquerda e que é preciso achegar posturas deixando de lado ambicións persoais, asimesmo fai constar que o compromiso do Bloque é cos veciños e veciñas para traballar impulsar unha nova forma de facer política para avanzar na construción dun Teo novo, entre todos e todas.

A posición dos nacionalistas a respecto da configuración dunha nova maioría de goberno é de absoluta responsabilidade, amosando que a política non é un espazo de vinganzas persoais nin posicións irracionais de retorcemento dos resultados como conveña senón de acordos para mellorar a vida da veciñanza porén o Bloque esixe un compromiso por parte dos outros actores para abrir unha nova etapa baseada no diálogo e na transparencia.