O BNG de Teo anima a mercar produtos galegos no comercio e mercados da localidade 

O BNG de Teo anima a mercar produtos galegos no comercio e mercados da localidade 

Estamos nunhas datas nas que se está a impoñer un modelo de consumo baseado no fomento do consumismo irreflexivo, mercando produtos de grandes multinacionais en grandes superficies, algo que, ademais de prexudicar directamente as veciñas e veciños que teñen estabelecementos produtivos ou comerciais en localidades como Teo, provoca un empobrecemento da nosa economía e a desertización das nosas vilas.

Desde o Bloque Nacionalista Galego pensamos que Teo precisa un maior apoio ao comercio de proximidade, que xera riqueza e humaniza. É doado modificar os nosos hábitos de consumo, potenciando a nosa economía, e dar pulo aos produtos galegos que son, ademais, dunha grande calidade.  Por iso animamos a todas as persoas que pensen mercar nestas datas a que fagan primeiro esta reflexión.  Reivindicamos a artesanía, a música, os libros, a cultura, os xoguetes non sexistas, unha importante cantidade de produtos que creamos directamente, etiquetados na nosa lingua e ofertados polas nosas veciñas e veciños. 

As políticas económicas e fiscais regresivas do PP provocaron unha grave crise na demanda, ao que hai que acrecentar as medidas de liberalización comercial que se aproban en Madrid e que o Goberno de Feijóo asume e aplica. Esta situación levou a un grave desequilibrio no sector comercial, con saturación na oferta pola acelerada expansión de grandes superficies, que ameazan a supervivencia do comercio local, que o BNG continuará a apoiar.

Por ese motivo o BNG de Teo está a desenvolver unha campaña de divulgación nas rúas do noso Concello con repartos polas feiras e zonas comerciais.