O portavoz do BNG, Fernández Baz, apoia a reclamación veciñal de medidas de seguridade viaria na localidade

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz reuneuse en Pontevea con veciños e con representantes de asociacións para coñecer de primeira man as preocupacións e demandas da veciñanza. Na reunión transmitíronlle a súa disconformidade cos tres quilómetros de continuación da AG-59 que converterán o cruce das estradas AC-841 e AC-241 nun funil

O portavoz do BNG, Fernández Baz, apoia a reclamación veciñal de medidas de seguridade viaria na localidade

Rexistramos no Concello de Teo unha moción para o seu debate no pleno ordinario do próximo 28 de febreiro na que se insta á Xunta a reconsiderar a decisión de rematar a autovía en Xermeade, con toda a problemática que vai supor na intersección coa AC-841, e ampliar a prolongación até o termo municipal da Estrada. Esta moción vai en consonancia coa proposición non de lei presentada no Parlamento de Galiza recentemente.

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz reuneuse en Pontevea con veciños e con representantes de asociacións para coñecer de primeira man as preocupacións e demandas da veciñanza. Na reunión transmitíronlle a súa disconformidade cos tres quilómetros de continuación da AG-59 que converterán o cruce das estradas AC-841 e AC-241 nun funil, incrementará o tránsito e os problemas de seguridade viaria da zona.

Fernández Baz manifestou que “desde o BNG vimos pedindo desde hai anos un plan de seguridade viaria e de humanización de Teo de carácter integral na procura dunha mellor calidade de vida no noso concello e esta decisión xera moita preocupación social en tanto que supón un problema engadido para un núcleo poboacional que xa ten moitos problemas de inseguridade viaria e non tanto polo tráfico que soporta, senón máis ben pola ausencia de medidas en materia de seguridade viaria e de humanización.” Neste sentido, o concelleiro nacionalista atendendo ás demandas veciñais reclama a adopción no inmediato das seguintes medidas: “pintar novos pasos de peóns con regulación por semáforo, completar o treito da senda peonil e ciclista na marxe esquerda e revisar e/ou repintar os sinais horizontais que impiden o acceso a comercios ou aparcadoiros.”

É certo que esta decisión supón reducir de xeito significativo o tráfico que agora circula por Chao do Río e o Ferreiriño, tal e como figura no argumentario da Xunta, pero tamén non é menos certo, e como consecuencia lóxica do anterior, que vai supor un problema engadido en Pontevea, en tanto que todo o tránsito que circule pola autovía con dirección A Estrada vai desembocar no lugar Xermeade e terá que incorporarse á AC-841 na intersección coa AC-241, nun cruce perigoso e no centro de Pontevea.

Así pois, o BNG solicítalle ao Pleno municipal que se posicione a respecto da necesidade de ampliar a prolongación da AG-59 até o termo municipal da Estrada e a acometer un plan se seguridade viaria e humanización da AC-841 no termo municipal de Teo, e concretamente entre os puntos quilométricos 11 e 12 na parroquia de Reis. Adoptando no inmediato as seguintes medidas: pintar novos pasos de peóns con regulación por semáforo, completar o treito da senda peonil e ciclista na marxe esquerda e revisar e/ou repintar os sinais horizontais que impiden o acceso a comercios ou aparcadoiros.