O BNG de Teo levará ao pleno de xaneiro unha proposta para modificar a ordenanza do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM)

Manuel Anxo Fdez. Baz
Manuel Anxo Fdez. Baz

Demanda bonificacións para os vehículos con motores eficientes e con menos emisións contaminantes.

O BNG de Teo levará ao pleno de xaneiro unha proposta para modificar a ordenanza do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM)

O portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, vai rexistrar no concello unha moción para ser debatida no pleno de xaneiro, solicitando unha modificación da ordenanza do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para incluír bonificacións aos vehículos con tecnoloxía menos contaminante, nomeadamente os híbridos e os de gasolina sen chumbo que non superen os 100gr/km de emisións.
Tal e como manifestou Fernández Baz, “a contaminación do medio é un dos principais problemas que debemos afrontar desde a responsabilidade como representantes dos veciños e veciñas.” E engadíu que, “consideramos que é imprescindíbel facer todo o que se poida desde o Concello para fomentar a redución de emisións contaminantes, e neste sentido pódense establecer bonificacións aos vehículos con motores tecnoloxicamente avanzados desde o punto de vista das emisións contaminantes.” Remarcou que esta medida “ten unha dupla funcionalidade, ao funcionar como unha bonificación aos veciños e veciñas que apostan, ou apostaron, por esta tecnoloxía menos contaminante e que redunda no ben do medio e do colectivo, e ademais é un incentivo para adquirir vehículos destas características.”
A ordenanza do IVTM vixente en Teo foi aprobada en 2004 e posteriormente modificada en 2011, mais as bonificacións que contempla non teñen en conta os avances tecnolóxicos en materia de motores e combustíbeis no tocante ás emisións contaminantes. 
Por todo isto, desde o BNG consideramos que na ordenanza de IVTM do Concello de Teo deberían ser incluídos nas bonificacións os vehículos que reducen as emisións, como son os que incorporan motores híbridos (eléctrico-gasolina) e tamén os con motores de gasolina sen chumbo cando o grao de emisións de CO2 sexa inferior a 100 gr/Km. E do mesmo xeito, e a efectos de recompensar a aposta por vehículos con menos emisións, tamén propoñemos aumentar a bonificación vixente do 50% para os vehículos eléctricos ou movidos por hidróxeno, incorporando agora os motores híbridos, e eliminando a limitación temporal dos cinco primeiros anos de vida do vehículo desde a súa primeira matriculación. 
En consecuencia, o BNG proponle ao Pleno a adopción do seguinte acordo: “Instar ao goberno municipal de Teo a modificar a ordenanza reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), incorporando bonificacións en relación ao tipo de motor e de combustíbel desde o punto de vista das emisións contaminantes á atmósfera, aumentando a porcentaxe da bonificación e eliminando a limitación temporal dos cinco primeiros anos de vida do vehículo desde a súa primeira matriculación.”