O BNG de Teo presenta unha moción para que Anova e Psoe reconsideren a suba do IBI

IBI_tuits
IBI_tuits
O BNG de Teo presenta unha moción para que Anova e Psoe reconsideren a suba do IBI

O BNG manifesta a súa disconformidade con todo o proceso de regularización catastral que está levando a cabo o Goberno do Partido Popular a través do Ministerio de Facenda. Asemade rexeita o cobro da taxa de regularización de 60€ por cada un dos inmobles, imposta polo Ministerio de Facenda do goberno do PP.

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, denunciou que “diante desta medida chama a atención o xogo á confusión polo que opta o PP de Teo que pide o voto para o PP de Rajoy na campaña electoral para que goberne en Madrid e logo denuncia as medidas que adoptan e que se corresponden coa súa concepción da política.” Ao que engadíu que “unha vez máis o PP intenta enganar aos veciños e veciñas de Teo, cando o que tiña que ter feito era explicar as razóns polas que o Partido Popular adopta estas medidas.”

Como todos sabemos, o chamado “catastro” é un imposto municipal que recada o concello e que supón unha das principiais fontes de ingresos, chegando a aproximarse no caso de Teo ao 23% dos ingresos anuais. De feito para 2016 hai unha previsión de ingresar 3.175.000 euros por IBI, fronte aos 2.303.700 previstos para 2015 e aos 2.230.000 para 2012.

No marco do proceso de regularización que se aveciñaba e da revisión catastral a través da ponencia de valores que agora denuncian, o actual goberno municipal de Anova e PSOE decide en setembro de 2015 incrementar o tipo de gravame do 0,44% ao 0,55% (na práctica o 0,6%), o que supuxo unha suba do 25% e asumir como propias as medidas impostas polo PP desde Madrid. Daquela semella que non eran tan sensíbeis cos veciños e veciñas de Teo.

En consecuencia, Fernández Baz, comunica que “o BNG de Teo rexeita estas formas de facer política, e anuncia que vai levar ao pleno da corporación unha iniciativa para reclamarle a Anova e PSOE a baixada do tipo de gravame, así como unha posición fronte ao proceso de regularización e de revisión catastral, que agardamos que teña o apoio de todos os grupos.”