Realizamos unha acción simbólica de apoio ao transporte público e ás demandas veciñais

Fernández Baz e un grupo de militantes do BNG fixeron o percorrido completo do Teobus evidenciando as carencias do servizo

Realizamos unha acción simbólica de apoio ao transporte público e ás demandas veciñais

O BNG realizou o pasado venres un acto simbólico de apoio ao transporte público municipal de calidade, así como para reclamarlle ás administracións que atendan as demandas veciñais neste eido.

Desde o BNG de Teo comprendemos e apoiamos aos veciños e veciñas cando manifestan que o transporte público é un dos principais problemas dun concello situado á beira da capital de Galiza. Así pois, consideramos fundamental a posta en marcha dun servizo municipal de transporte para comunicar as parroquias, polo que defendemos a necesidade de mellorar o actual servizo que actualmente non chega a todos os veciños e veciñas.

O portavoz municipal do, Manuel Anxo Fernández Baz, acompañado dun grupo de militantes e simpatizantes, realizou o pasado venres o percorrido completo, de arredor de 50 minutos. Esta actuación foi concibida tanto para comprobar o funcionamento do servizo actual, e as súas carencias, como para apoiar o transporte público por estrada, reclamando máis liñas, máis paradas e mellor servizo.

No decurso da viaxe, Fernández Baz manifestou que “a respecto do Teobus hai que mellorar o servizo para solucionar as carencias que actualmente ten. O percorrido faise longo e debería utilizar outras rutas para chegar a máis puntos do concello, en consonancia coas demandas veciñais.” E engadíu que “en Teo levamos anos sufrindo as consecuencias da política urbanistica sen control nin planificación dos gobernos do Partido Popular que agora dificultan en extremo a prestación de servizos tan necesarios como o transporte, mais tamén sufrimos gobernos que non teñen a vontade política necesaria para paliar e resolver os moitos problemas existentes.”

Neste sentido, Baz reafirmouse na necesidade de “pasar á acción, porque son moitos os convenios, protocolos, e outros documentos asinados polo goberno municipal, pero o transporte público segue sendo un servizo con moitos problemas en Teo, malia estarmos a escasos quilómetros da capital de Galiza”. Por outra banda, Fernández Baz destacou “as reclamacións dos veciños e veciñas, e nomeadamente da mocidade, que pide un transporte público que facilite a comunicación coas liñas que levan a Santiago”

A situación actual fai imprescindíbel, para a maioría dos veciños e veciñas de Teo, o uso do automóbil privado, agravando os problemas de seguridade viaria e dificultando a necesaria humanización do concello.

Así pois, desde o BNG de Teo reclamamos un plan de actuación urxente que solucione estes problemas, aínda máis tendo en conta que o goberno municipal de Anova-Son de Teo e PSOE conta cunha concelleira con dedicación exclusiva que no que vai de lexislatura foi incapaz de artellar solucións máis aló das declaracións de intencións. Un concello con case 20.000 habitantes non pode estar incomunicado por transporte público, interior e exteriormente.