O BNG de Teo reclama un centro de día, un plan de valoración de PonteveaBIC, seguridade vial para a AC-841 e reformas no CEIP de Calo nos orzamentos da Xunta para 2019

O BNG de Teo reclama un centro de día, un plan de valoración de PonteveaBIC, seguridade vial para a AC-841 e reformas no CEIP de Calo nos orzamentos da Xunta para 2019

O BNG de Teo reclama un centro de día, un plan de valoración de PonteveaBIC, seguridade vial para a AC-841 e reformas no CEIP de Calo nos orzamentos da Xunta para 2019

Rexistramos no Parlamento galego as emendas parciais aos orzamentos da Xunta para 2019. O Bloque de Teo despois de comprobar que a Xunta non ten en consideración moitas das demandas dos veciños e veciñas de Teo presentou a través do grupo parlamentar emendas para reclamar servizos e actuacións que son necesarias na localidade.

As emendas rexistradas son as seguintes:

-Un centro de día público para persoas maiores en situación de dependencia. O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, destacou que “este servizo básico foi reclamado a través dunha moción do BNG aprobada por unanimidade no Concello, na que se poñía de manifesto que forma parte dunha débeda histórica da Xunta cos veciños e veciñas de Teo, en tanto que estaba licitado e Feijóo decideu anulalo en 2009.”

-A dotación económica para un Plan de valorización da ponte BIC de Pontevea e da súa contorna, en consonancia coa moción do BNG aprobada por unanimidade no Concello de Teo, e que é consecuencia da declaración de ben de interese cultural da ponte. Para Fernández Baz “a ponte xa era ben de interese e en 2017 só lle deron o título, agora é necesario apostar con recursos pola posta en valor da ponte e da súa contorna”. 

-Medidas de seguridade vial para a AC-841 particularmente nos núcleos de Cacheiras, A Ramallosa e Pontevea. Baz subliñou que “esta emenda vai en consonancia con dúas mocións do BNG aprobadas por unanimidade no Concello unha na que se reclaman medidas de seguridade viaria no entorno do CEIP da Ramallosa e outra na que se solicitan medidas de seguridade viaria en Pontevea.”

-A reforma integral do CEIP de Calo que carece de laboratorio, de ximnasio, e de salón de actos, así mesmo demandamos a ampliación da biblioteca; por outra banda a reforma integral debe contemplar a retirada das tellas de fibrocemento e a adopción de medidas de aforro enerxético. A respecto desta emenda, Fernández Baz destacou que “desde a comunidade educativa de Calo trasladáronnos estas propostas que afectan a necesidades moi evidentes no centro de ensino” e engadíu que “agardamos que a Xunta cumpra co seu compromiso de renovar os aseos e de instalar as escaleiras de evacuación, e que non sexa simplemente un anuncio electoralista.”

En definitiva, o portavoz do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, destacou que “as emendas que presentamos responden a demandas e necesidades veciñais que non están sendo atendidas por parte da Xunta do PP.”