Do goberno municipal de Teo depende a incompatiblidade urbanística da planta de xestión de residuos

O BNG destaca que a lei di que é o Concello o que ten a responsabilidade de dar o primeiro paso

Do goberno municipal de Teo depende a incompatiblidade urbanística da planta de xestión de residuos

O pasado mércores o portavoz do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, cumprindo o acordado na moción conxunta aprobada no pleno de maio, asistíu a unha reunión na consellería de medio ambiente xunto co resto dos portavoces municipais, o alcalde, o arquitecto municipal e tres representantes da Plataforma Casalonga Limpa. Por parte da Xunta asistiron políticos como o delegado territorial e a directora xeral de calidade ambiental, e funcionarias que van ter que xestionar o expediente.

A reunión desenvolveuse nun ambiente de cordialidade e a Xunta manifestou a súa disposición a colaborar co Concello na parte técnica, nomeadamente por parte das funcionarias que resolveron moitas das dúbidas formuladas polos asistentes.

Diante do despropósito que supón o proxecto de instalar unha planta de xestión de residuos desta envergadura cun vertedoiro inmenso, desde o BNG consideramos que as administracións, e nomeadamente o Concello, deben ser contundentes e aplicar a norma da maneira máis favorábel para os veciños e as veciñas.

Neste momento da tramitación do proxecto é o Concello de Teo o que ten a primeira palabra que pode ser decisiva e definitiva, en tanto que é a autoridade en materia de urbanismo, porque un informe de incompatiblidade

urbanística suporía arquivar o expediente e o fin da planta de xestión de residuos, tal e como se contempla na normativa.

Desde o BNG consideramos que sobran os argumentos para denegar a compatibilidade diante dun proxecto industrial deste calado con tódalas consecuencias negativas que implica para a poboación e para o medio.

Por outra banda, o BNG reitera o apoio á Plataforma Casalonga Limpa en tanto que representa os intereses dos veciños e veciños de Calo diante dunha instalación que terían un impacto de consecuencias nefastas para o entorno. Así mesmo, desde o BNG anúnciase que se vai participar en tódalas actividades organizadas desde a Plataforma.