O goberno municipal de Anova-SondeTeo e PSOE incumpre a súa propia ordenanza municipal de uso social do galego

Captura de pantalla 2018-04-12 a las 12.59.07

O goberno municipal de Anova-SondeTeo e PSOE publica para exposición pública un documento oficial integramente en castelán incumprindo a ordenanza municipal de uso social do galego aprobada en marzo de 2016 polo Pleno municipal.

O goberno municipal de Anova-SondeTeo e PSOE incumpre a súa propia ordenanza municipal de uso social do galego

O BNG manifesta a súa sorpresa pola publicación e exposición pública dun documento oficial do goberno municipal de Anova-SondeTeo e PSOE integramente en castelán incumprindo a ordenanza municipal de uso social do galego aprobada en marzo de 2016 polo Pleno municipal a iniciativa da concelleira de cultura.

O documento oficial, sometido a exposición pública e colgado na web municipal, é o “Plan de Movilidad Urbana Sostenible del Concello de Teo”, e máis alá do seu contido que será analizado con detemento por parte do concelleiro e pola organización, está redactado integramente en castelán incumprindo absolutamente a ordenanza municipal. Como exemplo inclúense os artigos 1 e 2 da ordenanza para evidenciar o incumprimento.

 “Artigo 1

1. O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Teo.

2. O Concello de Teo empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás, cos cidadáns e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.

Capítulo II. Ámbito de aplicación

Artigo 2

1. O Concello de Teo e os organismos que del dependan (organismo autónomos, sociedades, centros de formación, escolas, etc), rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza.

2. Tamén se rexerán polos criterios desta ordenanza as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes (concursos públicos, pregos de cláusulas, contratos, etc.).

3. O Concello de Teo velará para que nas actividades, organismos, etc., en que participe e/ou teña representación, sexan aplicados os principios desta ordenanza.

4. Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de Teo terán en conta a necesidade da normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais, polo que asumirán o desenvolvemento desta ordenanza en todas e cada unha das accións do seu funcionamento cotián.”

Diante desta situación, o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, reclámalle ao alcalde Sisto que “cumpra e faga cumprir a normativa que se aproba, pois desta maneira non se entenden os motivos que levaron a Anova a facer unha nova proposta de ordenanza de uso social do galego.” E, por outra parte, e dado o incumprimento por parte do goberno municipal, Fernández Baz reclama, tal e como se prevé no artigo 24 da ordenanza, “a convocatoria da comisión político-técnica para facer un seguimento da aplicación da ordenanza.”

O goberno municipal de Anova-SondeTeo e PSOE incumpre a súa propia ordenanza municipal de uso social do galego