O Goberno Municipal emite o informe que levamos pedindo 9 meses

Captura de pantalla 2018-09-04 a las 18.11.52

Negaron durante meses esta posibilidade e cualificaronnos de “iluminados” por reclamar o informe.

O Goberno Municipal emite o informe que levamos pedindo 9 meses

Son de Teo e PSOE veñen de anunciar que o Concello de Teo vai remitir á Xunta de Galiza o informe de compatibilidade urbanística negativa para o proxecto solicitado por Toysal en decembro de 2017 para instalar unha planta de xestión de residuos na Casalonga (Calo).

O goberno municipal fixo público o proxecto en maio de 2018, despois de que pasaran cinco meses da solicitude de informe por parte de Toysal, xerando alarma social e moita preocupación. Desde ese momento o BNG de Teo, a través do seu portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, solicitoulle a Son de Teo e PSOE reiteradamente que emitirán o informe de compatibilidade urbanística negativa porque sobraban os argumentos para denegar a instalación desa industria na canteira da Casalonga. Ese argumento foi defendido na xunta de portavoces e nos plenos de maio, xuño e xullo por parte de Fernández Baz, así como nas reunións veciñais, porque o informe de compatibilidade negativo é o único instrumento que arquiva o proxecto tal e como prescribe o artigo 15 do RDL 1/2016, de 16 de decembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

Desde o goberno municipal negaron durante meses esta posibilidade e afirmaron que nada podían facer diante deste proxecto, chegando incluso a cualificar ao concelleiro do BNG de “iluminado” por reclamar o informe, así como a oportunidade para emitilo.

Posteriormente, e grazas á presión exercida polo BNG a nivel local e no Parlamento galego a través dunha iniciativa na que quedaba ben claro que o único informe que podía dar o carpetazo ao proxecto que tanto preocupa aos veciños e veciñas de Calo era o do Concello, Son de Teo e PSOE cambiaron a súa posición e recoñeceron que era posíbel emitir un informe de compatibilidade urbanística, e comezaron a centrar o debate no momento en que se debería emitir.

Agora, e dado que o goberno municipal cumpriu a lei, é a Xunta a que ten que arquivar o proxecto presentado por Toysal dando cumprimento ao disposto no artigo 15 do RDL 1/2016 que dí expresamente que: “se o informe urbanístico regulado neste artigo for negativo, con independencia do momento en que se emitise, pero sempre que se recibise na comunidade autónoma con anterioridade ao outorgamento da autorización ambiental integrada, o órgano competente para outorgar a dita autorización ditará resolución motivada pondo fin ao procedemento e arquivará as actuacións”. En consecuencia a administración autonómica unicamente ten que ditar a resolución poñendo fin ao procedemento e arquivando o proxecto.

En definitiva, e xa co informe municipal, desde o BNG reclamámoslle ao Partido Popular, máis unha vez, a modificación da normativa autonómica en materia urbanística para que proxectos como o desta planta de residuos, así como vertedoiros e outros perniciosos para o medio e para a poboación, sexan situados en solo industrial con todas as garantías; así como un novo plan de residuos que teña carácter vinculante e non conte unicamente con recomendacións.

O Goberno Municipal emite o informe que levamos pedindo 9 meses