O grupo municipal do BNG reúnese coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa

IMG_7889 copia
Reiterámonos na unidade cos veciños e veciñas para impedir a instalación dun vertedoiro e lembramos ao goberno municipal que hai que cambiar o rumbo e tomar medidas urxentemente
O grupo municipal do BNG reúnese coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa

A concelleira Carme Diéguez e o Responsábel Local Manuel Barreiro mantiveron onte venres unha reunión coa directiva da plataforma Casalonga Limpa para reiterar o apoio do BNG á veciñanza da Casalonga na súa loita contra a instalación do vertedoiro que a empresa Toysal pretende instalar na canteira da Casalonga, logo do intento desta semana de pechar a estrada municipal que pasa a carón da canteira.

O BNG pide ao Goberno Municipal que actúe dunha vez sen agardar a que a empresa volva a intentar outra manobra dese tipo e lembra que o Portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz no pleno extraordinario de agosto, logo de facer un repaso cronolóxico dos feitos exixiu un contencioso administrativo ao que o Alcalde respondeu con explicacións deliberadamente confusas namentres que o representante do PSOE, o Sr Noya, manifestou simplemente que “non está a señora Lemus que é a que sabe do tema. Non vou responder ao BNG porque xa non me acordo do que dixo”.

Os nacionalistas tamén piden ao Partido Popular que cambien a súa posición dende a que defenden ao sector dos residuos fronte aos intereses veciñais e que deixe de xogar a dicir unha cousa en Teo e votar o contrario no Parlamento de Galicia onde rexeitou modificar la Lei do Solo para evitar la instalación de plantas de residuos en solo rústico, pese a terse comprometido, antes das eleccións, cos veciños e veciñas.

No BNG temos claro que Toysal non explota canteiras senón que se dedica aos residuos e por tanto hai que exixir a caducidade da concesión xa que a canteira está restaurada naturalmente, tamén hai que exixir contundentemente o cambio do Real Decreto do goberno do PSOE que permite o vertedoiro e que foi anunciado hai 18 meses en plena campaña electoral, así como protexer as masas de auga solicitando dende o concello que sexan incluídas no rexistro de humedais de Galicia. 

Manuel Barreiro manifestou que “tanto PP coma PSOE teñen que definir unha postura clara dunha vez para rematar este despropósito e deixar de dicir unha cousa aquí e a contraria en Madrid ou Compostela, que cambien xa a normativa e que se deixen de tacticismos e que dende o BNG reiteramos a nosa disposición á unidade de acción co obxectivo de impedir que se instale o vertedoiro mais lembramos a o goberno municipal que hai que cambiar o rumbo, dar explicacións, afortalar a unidade  e protexer á veciñanza da Casalonga”.

O grupo municipal do BNG reúnese coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa