Manuel Anxo Fernández Baz presenta a renuncia como concelleiro en Teo por motivos laborais

O concelleiro e portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, presentou este venres a renuncia como concelleiro na Corporación municipal de Teo por motivos laborais, despois de nove anos e cinco meses como concelleiro na localidade.
Manuel Anxo Fernández Baz presenta a renuncia como concelleiro en Teo por motivos laborais

Fernández Baz foi elixido concelleiro en Teo por vez primeira en maio de 2011 na candidatura do BNG, coa que acada a maioría absoluta. En 2011 foi tenente de alcalde e responsábel das áreas de Persoal, Medio ambiente e Deportes. En marzo de 2012, reincorpórase ao seu posto de traballo despois de renunciar á dedicación exclusiva e a participar no goberno municipal como consecuencia da decisión do alcalde de abandonar o BNG. Desde ese momento e até o día de hoxe, Baz asumiu a portavocía municipal do Bloque.

Fernández Baz cualificou estes nove anos como “intensos en todos os planos, e nomeadamente o período de marzo de 2012 a maio de 2015”, e engadiu que “desde 2012 o meu traballo centrouse en que os veciños e veciñas recuperasen a confianza no BNG.” En liña con isto, o nacionalista subliñou que “o BNG en Teo está nunha moi boa posición de cara a afrontar o futuro inmediato, en tanto que desde as eleccións municipais do ano pasado somos unha forza determinante no Concello, e por outra banda vimos de acadar nas eleccións de xullo o mellor resultado da historia do BNG na localidade nunhas eleccións autonómicas.”

Fernández Baz agradeceu “o traballo dos compañeiros e das compañeiras do BNG que sempre tiveron claras as prioridades para volver situar o Bloque como referente para a veciñanza de Teo”. Dito isto, destacou que “o que vai ser novo concelleiro, Manuel Barreiro, actual responsábel local do BNG en Teo, é o compañeiro co que traballei cóbado con cóbado nestes últimos anos, nos que amosou unha vontade decidida de converter a organización no referente local.”

Por outra banda, tamén tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para a compañeira de grupo municipal, Carmen Diéguez, á que se referiu como “unha persoa que sempre actuou desde a xenerosidade política e persoal e que demostrou unha gran capacidade de traballo político e social.”

O nacionalista tamén quixo destacar e recoñecer publicamente “a disposición e a colaboración do persoal ao servizo do Concello de Teo, que foi fundamental para desenvolver o meu traballo como concelleiro.”

Manuel Anxo Fernández Baz presenta a renuncia como concelleiro en Teo por motivos laborais