O BNG BUSCARÁ SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DENUNCIADOS POLAS VECIÑAS E VECIÑOS DA URBANIZACIÓN DOS TILOS

Mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria e cidadá entre as prioridades do BNG para Os Tilos

Decidimos emprender diferentes actuacións para buscar solución aos problemas máis urxentes dos Tilos e reclamar ao concello que acometa as obras necesarias.

Mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria e cidadá entre as prioridades do BNG para Os Tilos

O BNG decidiu emprender diferentes actuacións para buscar solución aos problemas máis urxentes que padece a urbanización dos Tilos e reclamará ao concello que acometa as obras necesarias para mellorar as beirarrúas da urbanización, arranxando as lousas soltas, subsituíndoas por un piso firme na entrada dos garaxes, rebaixando os bordes, etc.

Tamén reclamará a instalación de lombas ou pasos de peóns elevados por toda a urbanización para reducir a velocidade dos vehículos e a revisión dos sinais indicativos (pavillón, igrexa, escola, centro de saude...) e de tráfico, así como a reparación das placas co nome da rúa deterioradas.

Conseguir a construción dunha rotonda no cruce entre as rúas Carballo e Bidueiro, fronte á entrada da Casa Común, figura tamén entre as prioridades que se marca o BNG. Tal como está agora, cun STOP que ninguén respecta e un paso de peóns que case non se ve, os vehículos, incluídos autobuses, circulan a unha velocidade perigosa, co conseguinte risco para as persoas.

O responsábel municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, tamén reclamará ao concello que se reorganice o tráfico, establecendo sentidos únicos ou modificando o sentido de circulación de varias vías, e se regule o estacionamento de vehículos, moi especialmente na zona escolar ás horas de entrada e saída. Dúas actuacións urxentes que contribuirán sen dúbida a evitar problemas graves.

Tamén reclamará que se adopten medidas de carácter preventivo para garantir a seguridade cidadá, posta en perigo por actividades delituosas ou actos de vandalismo.