O BNG de Teo apoia a demanda das nais e pais de alumnos do CEIP da Ramallosa como persoas afectadas pola construción dunha gasolineira a escasos metros do centro de ensino

Unha gasolineira, e dicir,  produtos altamente perigosos e contaminantes a carón do colexio da Ramallosa e do rio Tella

O BNG de Teo apoia a demanda das nais e pais de alumnos do CEIP da Ramallosa como persoas afectadas pola construción dunha gasolineira a escasos metros do centro de ensino

Pais e nais do CEIP da Ramallosa rexistraron esta mañá no Concello de Teo un escrito acompañado por máis de 260 sinaturas dirixido á alcaldía no que reclaman ao goberno municipal de Teo que teña en conta aos afectados e afectadas pola construción desta instalación na tramitación das licenzas municipais correspondentes, poñendo en marcha todas as actuacións que sexan posibles para defender e apoiar aos afectados e afectadas nas súas demandas, así como que dispoña os medios para o asesoramento e a realización de alegacións.

Desde que se coñeceu este proxecto, un grupo de nais e pais do alumnado do CEIP da Ramallosa amosaron a súa preocupación pola instalación da gasolineira porque non resulta o lugar máis adecuado para ubicar un servizo destas características. Nas últimas semanas, este grupo de nais e pais decidiron emprender unha campaña de recollida de sinaturas para poñer de manifesto a súa preocupación, e para reclamar o apoio do alcalde e do goberno municipal de Teo para que poña en marcha todas as actuacións que sexan posíbeis para evitar que se poña en funcionamento unha instalación, contaminante e potencialmente perigosa, a carón do colexio.

En consonancia coas reclamacións que ten realizado o BNG desde que tivemos coñecemento do propósito de instalar unha gasolineira na zona, demandando información sobre o proxecto e sobre a licenza para a construción da estación de subministro de carburantes e combustibles polo miúdo e dun centro de servizos nun lugar que se atopa moi próximo ao río Tella e a escasos metros do CEIP da Ramallosa, vimos de rexistrar unha moción no Concello para solicitarlle á corporación municipal a adopción dun acordo no que consiste en:

“1) Apoiar a demanda das nais e pais de alumnos do CEIP da Ramallosa como persoas afectadas pola construción dunha gasolineira a escasos metros do centro de ensino e que se lles teña en conta na tramitación do expediente correspondente, poñendo en marcha todas as actuacións que sexan posíbeis para defender as súas reclamacións, así como que se dispoñan os medios para o asesoramento e a realización de alegacións.

2) Rexeitar a ubicación dunha instalación de subministro de combustíbeis á beira dun centro de ensino.

3) Dar traslado á Xunta de Galiza a preocupación das nais e pais do alumnado do CEIP da Ramallosa diante da previsión de que se instale unha gasolineira á beira do colexio, así como deste acordo.”

Desde o BNG manifestamos que non parece moi axeitado, que agora que a tendencia xeral no urbanismo é a de alonxar este tipo de instalacións das zonas poboadas, os veciños e veciñas de Teo teñamos que ver como instalan un establecemento que distribúe produtos altamente perigosos e contaminantes nun dos núcleos urbanos do noso Concello, e aínda máis, á beira dun colexio e a escasos metros dun río, e apoiamos as reivindicacións da comunidade educativa e dos veciños e veciñas do lugar.