ESTAMOS EN XUÑO E O GOBERNO MUNICIPAL DE SON DE TEO/ANOVA E PSOE SEGUE SEN APROBAR OS ORZAMENTOS PARA ESTE EXERCICIO

O goberno de Teo, con maioría absoluta e seis dedicacións amósase incapaz de aprobar as contas do Concello

Andaina do BNG de Teo pola seguridade viaria (Marzo)
Andaina do BNG de Teo pola seguridade viaria (Marzo)

En xuño de 2017 o goberno municipal de Teo conformado por Son de Teo/Anova e PSOE segue sen aprobar os orzamentos para este exercicio

O goberno de Teo, con maioría absoluta e seis dedicacións amósase incapaz de aprobar as contas do Concello

En xuño de 2017 o goberno municipal de Teo conformado por Son de Teo/Anova e PSOE segue sen aprobar os orzamentos para este exercicio, con todo o que iso implica para os veciños e veciñas de Teo que unha vez máis vén demorada a atención ás necesidades fundamentais como son as actuacións en servizos básicos (saneamento e abastecemento de aguas) e a seguridade viaria.

Diante desta situación, o portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, “insta ao goberno do señor Sisto e da señora Lemus a que presenten as contas para 2017 tendo en conta que estamos rematando o segundo trimestre do ano.” E engade que, “o BNG non ten constancia de ningunha proposta de contas, nin do plan de axuste que teñen que elaborar e aplicar polo erro nas contas de 2016, primeiro orzamento do goberno de Son de Teo/Anova e PSOE.” Cando xa transcorreu a metade do ano 2017, e tendo en conta que temos un goberno municipal con maioría absoluta e no que de nove concelleiras/os, seis teñen salario do Concello, reclamamos unha resposta sobre as contas para 2017, tendo claro que a única resposta aceptable é o proxecto de orzamentos e o plan de axuste.”

O portavoz nacionalista pon de manifesto que “o máis preocupante para o BNG é que o atraso na aprobación das contas supón pospoñer actuacións imprescindíbeis para os veciños e veciñas de Teo como son continuar co saneamento e o abastecemento de augas, dando cumprimento aos compromisos coa veciñanza, e seguir poñendo en marcha medidas en materia de seguridade viaria, ámbito no que o BNG segue reclamando a execución da moción aprobada en 2013 para dotar a Teo dun plan de seguridade viaria que represente o marco para transformar un concello que necesita un proxecto e actuacións contundentes nesta materia.”

En consecuencia, o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, demándalle ao alcalde “responsabilidade”, e reclámalle “que se poña a traballar polos veciños e veciñas e que presente os orzamentos para 2017.”