Presentación da candidatura para as eleccións municipais o venres 5 de abril

Manuel Anxo Fernández Baz destaca a combinación de experiencia e renovación como garantía dun proxecto transformador

Presentación da candidatura para as eleccións municipais o venres 5 de abril

Este venres 5 de abril ás 20:30 horas no Hotel Congreso presentaremos a candidatura completa para as vindeiras eleccións municipais nun acto público que contará coa presenza da Portavoz Nacional, Ana Pontón.

O militante máis novo, Vítor Lourido, será o cargado de abrir o acto, seguidamente falarán Patricia Castelao, Manuel Barreiro e Carmen Diéguez, nunha primeira quenda de intervencións breves que darán paso á Portavoz Nacional, Ana Pontón e finalmente ao candidato, Manuel Anxo Fernández Baz.

O candidato á alcaldía, Manuel Anxo Fernández Baz, destacou que “Acreditamos en que desde o goberno municipal pode facerse máis e mellor, traballando con e para todas e todos, no marco dun proxecto transformador”, e engadiu que “temos as ideas claras porque acreditamos nos veciños e veciñas, na súa vontade para construír un Teo novo.” Así mesmo, Fernández Baz remarcou que “Teo precisa un alcalde que mire aos ollos aos veciños e ás veciñas, que tome a iniciativa, que atenda os problemas. Teo precisa un alcalde do BNG.”

O BNG presenta unha candidatura que combina a renovación e a experiencia, elaborada respectando os criterios de xénero e territoriais. O programa do Bloque recolle as ideas sobre as que a formación leva anos traballando e sobre as que quere construír o futuro do concello, nomeadamente seguridade e humanización, impulso económico e social, mellor xestión e promoción cultural así como a revalorización do patrimonio.

O Responsábel Local, e número tres na lista, Manuel Barreiro, manifestou que “os veciños e as veciñas que escolleron Teo para vivir buscando máis calidade de vida e máis e mellores servizos teñen no Bloque a única formación que garante a transformación dos concellos que goberna.”