Presentamos a candidatura para as eleccións municipais nun acto moi concorrido no Hotel Congreso

Fernández Baz, destacou que “Teo precisa un alcalde que escoite, que atenda as necesidades dos veciños e veciñas, un alcalde que vaia por diante, que tome a iniciativa, que mire aos ollos á xente, un alcalde a pé de obra”

Presentamos a candidatura para as eleccións municipais nun acto moi concorrido no Hotel Congreso

O BNG presentou este venres 5 de abril a candidatura completa para as vindeiras eleccións municipais nun acto público que abriu Vítor Lourido e no que falaron tamén Patricia Castelao, Manuel Barreiro e Carmen Diéguez, o acto pechárono as intervencións da Portavoz Nacional do Bloque, Ana Pontón e o candidato a alcaldía de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz.

O candidato á alcaldía, Manuel Anxo Fernández Baz, destacou que “Teo precisa un alcalde que escoite, que atenda as necesidade dos veciños e veciñas, un alcalde que vaia por diante, que tome a iniciativa, que mire aos ollos á xente, un alcalde a pé de obra”, tamén rexeitou de pleno “as ideas electoralistas e confusas como fusións que nada resolven” dixo en troques que “defendemos a cooperación cos concellos da contorna para demandar e xestionar servizos públicos, máis que quede claro que non estamos dacordo e non queremos fusións que nada resolven, que liquidarían o noso concello e que nos convertirían na periferia da periferia”.

Manuel Anxo Fernández Baz, no seu discurso, avanzou as liñas mestras do programa electoral “incrementar a seguridade viaria e a humanización e recuperar o espazo público para os veciños e veciñas; favorecer o desenvolvemento económico e a creación de emprego; mellorar a xestión e a oferta cultural para axeitala a un concello importante como é Teo; revalorizar a nosa riqueza paisaxística e natural; loitar da man dos veciños e veciñas contra calquera intento de instalar vertedoiros; traballar para termos servizos públicos de calidade, poñendo especial énfase na reclamación dun centro de día, na mellora da atención sanitaria, no transporte público e no reforzamento das políticas sociais e de benestar e igualdade”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salientou que “Manuel Anxo Fernández Baz leva xa unha década traballando por Teo, é o lugar que escolleu para vivir, é un candidato de traxectoria exemplar e está capacitado e preparado para transformar Teo no concello moderno e de futuro que a veciñanza demanda”.

O BNG afronta ás vindeiras eleccións renovado e cun equipo no que se combina a experiencia coa ilusión por construir un concello con entidade propia e dotado de servizos de calidade para os veciños e veciñas.