Propoñemos ao Goberno do Estado modifique a normativa que permite vertedorios nas canteiras

Foto: Plataforma Casalonga Limpa
Foto: Plataforma Casalonga Limpa

A veciñanza agarda que o goberno do PSOE en Madrid cambie os decretos de 2008 e 2009 para tranquilidade da parroquia de Calo e Casalonga

Propoñemos ao Goberno do Estado modifique a normativa que permite vertedorios nas canteiras

O BNG, despois de coñecer a reunión da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos coa portavoz do PSOE e concelleira de urbanismo de Teo, Uxía Lemus, para solicitarlle ao Goberno do Estado que adopte medidas para protexer a canteira da Casalonga, manifesta que “o obxecto da reunión e as conclusións, deixan ben ás claras que é a normativa estatal que permite as canteiras sexan a tapadeira perfecta para facilitar a instalación de vertedoiros como se pretende na Casalonga. De feito, Toysal fundamenta o seu plan de restauración no Real Decreto 975/2009 de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras. Ao que se une o RD 105/2008, que regulamenta a xestión dos residuos de construción. Son os resquicios legais os que permiten un plan de restauración que implica un vertedoiro encuberto de grandes dimensións para recibir residuos mineiros, da construción e demolición, e recuberto con terra ou un substituto como poden ser os tecnosolos'.

Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar ao Goberno do Estado a que modifique a normativa que permite o coladeiro de vertedorios nas canteiras a través de plans de restauración. Así mesmo, tamén reclama á Xunta de Galiza que desenvolva a normativa estatal para protexer estes espazos.

Finalmente, o candidato á alcaldía do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, destaca que o BNG “rexeita a conversión da canteira da Casalonga nun vertedoiro incontrolado, foco de contaminación e perigo para a poboación, e demanda que o PSOE desde o Goberno central adopte de maneira urxente as decisións pertinentes para modificar as normas de 2008 e 2009 para poder protexer canteiras como a da Casalonga impedindo que se instalen vertedoiros incontrolados. Así mesmo, amosa todo o apoio aos veciños e veciñas da Casalonga e de toda a parroquia de Calo chamando á mobilización social en torno á Plataforma Casalonga Limpa de Residuos”.