Os veciños e veciñas de Teo aportaron por “obriga” dun bando do alcalde 8.796,65 pesetas para agasallar ao Caudillo co Pazo de Meirás

Bando 1938
Bando 1938

Rexistramos no Concello unha moción relativa á devolución do Pazo de Meirás e para denunciar o apoio a fundacións que fan apoloxía do fascismo.

Os veciños e veciñas de Teo aportaron por “obriga” dun bando do alcalde 8.796,65 pesetas para agasallar ao Caudillo co Pazo de Meirás

Rexistramos no Concello unha moción relativa á devolución do Pazo de Meirás e á Fundación Francisco Franco para o seu debate no vindeiro Pleno municipal, solicitando que Teo se adhira á “Xunta Pro da Devolución do Pazo de Meirás” e para denunciar o apoio a fundacións que fan apoloxía do fascismo.

Resulta insultante e vergoñento que un espazo que é produto dun espolio sexa aínda propiedade da familia Franco. E resulta aínda máis indignante que a Fundación que leva o seu nome o utilice para facer apoloxía da Ditadura. Estes feitos supoñen a constatación da permanencia do franquismo nun réxime que se di democrático. E son posíbeis pola incapacidade do Estado español para acabar coa vergoña que supón que esta familia sexa aínda dona dunha propiedade que é produto dun roubo, que faga negocio con ela e que a converta nun parque temático de exaltación dun réxime totalitario. Realmente esta situación é posíbel pola complicidade das institucións do Estado e da Xunta de Galiza, que consenten, amparan e protexen. 

Dito isto, cómpre ter en conta que o espolio de Meirás contou coa participación activa e decisiva de Deputacións e concellos galegos para espoliar ao pobo utilizando o medo. Neste sentido o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, confirma que “os veciños e veciñas de Teo aportaron 8.796,65 pesetas á Junta Pro Pazo del Caudillo constituída para agasallar a Franco co Pazo, tal e como lle comunica o alcalde do momento ao gobernador civil en marzo de 1939 nun documento que figura no arquivo municipal de Teo.” Fernández Baz engade que “o bando do alcalde de 8 de xuño de 1938 manifesta ás claras que esixía aos veciños e veciñas de Teo o que realmente era unha subscrición obrigatoria en tanto que se requiría aos concelleiros que recolleran parroquia por parroquia as sinaturas dos donantes e que deran conta á alcaldía.” E conclúe o concelleiro nacionalista afirmando que “é de responsabilidade e de xustiza coas vítimas do franquismo que o Concello de Teo se manifeste sobre este espolio, e ademais complementa a decisión adoptada baixo o goberno municipal do BNG en outubro de 2011 de retirarlle o título a Franco de alcalde honorífico de Teo.” 

Por todo isto, o BNG a través da moción solicita declarar a familia do Ditador e a Fundación Franco non gratas no Concello de Teo, adherirse á proposta aprobada polo Pleno da corporación municipal de Sada para que o Concello se encargue das visitas guiadas ao Pazo de Meirás, facer unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador, instar ao goberno do Estado ilegalizar a Fundación Franco, adherirse e apoiar a iniciativa da “Xunta Pro da Devolución do Pazo de Meirás” e instar á Xunta de Galiza a elaborar unha lei galega de memoria histórica na que se prohiban, persigan e sancionen os actos e as entidades de exaltación do franquismo.