Veciños e veciñas da Torre reclaman o arranxo das pistas, moi deterioradas

O Portavoz municipal do BNG achegouse ao lugar para comprobar o deterioro das pistas diante da pasividade do goberno municipal

Veciños e veciñas da Torre reclaman o arranxo das pistas, moi deterioradas

Os veciños e veciñas da Torre (Cacheiras),  veñen denunciando dende hai tempo o deterioro da estrada que enlaza coa pista paralela á autovía e que comunica co Piro, unha vía que é utilizada polo Teobus no seu recorrido, que esta inzada de fochancas e de pedras que se van desprendendo do firme. Isto loxicamente xera molestias para a veciñanza e perxuízos para os vehículos, sendo pois un grave problema para a seguridade viaria.

Manuel Anxo Fernández Baz preguntou no pleno municipal cando se tiña previsto arranxar a pista, ao que o goberno respondeu que esa estrada non é de competencia municipal, aínda que efectivamente o tramo que vai entre as vivendas e para o que se reclama unha solución, si que é. Por outra parte, Fernández Baz, destacou que o alcalde ten que facer todo o posíbel para mellorar este tramo nomeadamente se é utilizado polo Teobus todos os días e con independencia de se unha parte é competencia da Xunta, pois o goberno municipal algo terá que dicir pola mellora da seguridade viaria para a veciñanza de Teo.

O concelleiro do BNG, comprobou onte en persoa o pésimo estado da estrada e comprometeuse a seguir reclamando o arranxo da vía, así como as actuacións precisas para solucionar os problemas de seguridade viaria no concello.