Aprobadas as dúas mocións presentadas polo BNG no Pleno do Concello de Teo do 25 de xaneiro

manxoPleno1
Manuel Anxo Fernández Baz
Aprobadas as dúas mocións presentadas polo BNG no Pleno do Concello de Teo do 25 de xaneiro

A primeira aposta pola modificación do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para incorporar bonificacións a vehículos con motores eficientes e menos contaminantes. A segunda reclama á empresa de transporte de viaxeiros HEDEGASA que cese o acoso laboral a que somete desde hai anos unha traballadora por razóns sexistas.

Teo, 26 de xaneiro de 2017.- "A contaminación do medio é un dos principais problemas que debemos afrontar como representantes dos veciños e as veciñas", afirmou Manuel Anxo Fernández Baz, responsábel municipal do BNG, na defensa da modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para incorporar bonificacións aos vehículos con motores tecnoloxicamente avanzados e menos contaminantes. A moción foi aprobada por unanimidade.

Tamén resultou aprobada, neste caso coa abstención do Grupo Popular, a moción relativa á situación de discriminación laboral que padece unha traballadora de HEDEGASA a quen a empresa fustiga e acosa desde 2009.

O concelleiro do BNG lembrou que despois dunha xestación de alto risco e a petición de redución de xornada para coidar da filla, a empresa de transporte de viaxeiro respondeu cun despedimento ilegal, declarado nulo en 2010 por vulneración de dereitos fundamentais. Despois dun longo historial de acoso á traballadora, pretende agora cancelarlle o contrato de traballo sen compensación nin acceso a prestación.

"O Concello de Teo -afirmou o responsábel municipal do BNG- non pode ser alleo a esta situación en que a traballadora dunha empresa concesionaria dun servizo público que empregan millares de veciñas e veciños deste concello é  vítima de acoso ilegal e insolente"

Entre os asuntos do Pleno figuraba tamén o debate sobre a proposta de Regulamento de participación veciñal. Manuel Anxo Fernández Baz reprochou ao equipo de goberno levar a pleno a proposta de novo regulamento sen ter posto en práctica ningunha das medidas contempladas no aprobado en 2007, sen incluir unha memoria con obxectivos concretos para "sair do plano retórico e pasar ao plano da realidade" e sen facer máis que vagas alusións aos orzamentos participativos, un mecanismo -afirmou- que si representaría un avance decisivo no afortalamento da participación cidadá.

No apartado de rogos e preguntas, o portavoz do BNG interesouse pola situación dunha veciña do concello a quen a empresa responsábel suspendeu o servizo de atención á dependencia, as xestións feitas polo concello en relación aos recentes asaltos a vivendas, as listas de espera do programa de actividades para persoas de mais de 60 anos e a transferencia ao concello da titularidade de espazos da autovia por parte da Xunta de Galiza.

Aprobadas as dúas mocións presentadas polo BNG no Pleno do Concello de Teo do 25 de xaneiro