Imprimir

O BNG reuneuse coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

BNG de Teo | 08 de Xullo de 2018

Fernández Baz apoia a mobilización veciñal e reiterou máis unha vez o rexeitamento frontal á instalación da planta de residuos

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, asistíu o pasado venres, acompañado polo responsábel local, Manuel Barreiro, a unha xuntanza convocada pola directiva da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. A Plataforma agradeceu o apoio do BNG e comunicou que o xoves 12 de xullo teñen convocada a primeira asemblea de presentación pública da Plataforma á que convidaron aos representantes do BNG.

O concelleiro e portavoz reiterou a posición que mantén e defende o BNG desde que o 15 de maio se coñecera a intención da empresa Toysal de instalar unha planta de residuos nos terreos da antiga canteira de Camilo Carballal na Casalonga, e que se resume na oposición frontal a este proxecto por todo o que implica. Así mesmo, explicou polo miudo todos os pasos dados polo BNG e incidíu na necesidade de que o goberno municipal emita un informe de compatibilidade urbanística negativo que sería decisivo para paralizar o proxecto.

Na reunión, que decorreu nun ambiente cordial e de colaboración, Fernández Bazmanifestou que “o BNG está inequivocamente do lado dos veciños e veciñas de Teo que rexeitan de xeito maioritario a instalación desta industria contaminante na Casalonga, a apenas 400 metros das casas”, e engadíu que “o BNG asumiu o compromiso cos veciños e veciñas de traballar no frente institucional e así o estamos facendo, tanto no Concello como no Parlamento de Galiza e mesmo levamos o tema ao Parlamento Europeo”. Baz tamén se referiu ás administracións que teñen competencias na materia “instando ao goberno municipal e á Xunta de Galiza a ser contundentes no marco das atribucións que lles confiren as normas, rexeitando a planta e activando todas as actuacións que sexan posíbeis para evitar a instalación desta industria contaminante e perigosa.”

Con respecto ao traballo da Plataforma, Fernández Baz destacou o traballo realizado e a dimensión acadada en canto á mobilización social que é fundamental diante dun proxecto que desde hai meses está na Xunta que é quen controla agora os tempos do procedemento que agardamos que non remate nunha autorización, e para iso é imprescindíbel o informe de compatibilidade urbanística negativo porque hai argumentos e sería decisivo en tanto que paralizaría este proxecto.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-reuneuse-coa-directiva-da-plataforma-casalonga-limpa-residuos/20180708104318000959.html


© 2018 BNG de Teo

Bloque Nacionalista Galego | Teo


Correo e: teo@bng.gal