O BNG de Teo reclama un centro de día e un plan de seguridade viaria da AC-841 nos orzamentos da Xunta

ManxoMini
Manuel Anxo Fernández Baz, portavoz municipal e Xosé Luis Rivas, Mini, deputado no Parlamento Galego
O BNG de Teo reclama un centro de día e un plan de seguridade viaria da AC-841 nos orzamentos da Xunta

O BNG de Teo introduce emendas ao proxecto de orzamentos da Xunta.

Marcan como prioridadea a dotación dun Centro de día no concello e un plan de seguridade viaria da AC-841 

"Imos humanizar os orzamentos" afirmou hoxe o deputado do BNG Xosé Luís Rivas ("Mini") no curso da conferencia de prensa en que, xunto co portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández, presentou varias emendas do BNG de Teo ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2015.

A dotación dun Centro de Día público e un plan de seguridade viaria da AC-841 son segundo Manuel Anxo Fernández as prioridades do BNG de Teo pra 2017.

O portavoz municipal do BNG, afirmou que a dotación dun Centro de Día é unha vella demanda e "unha débeda histórica" cos veciños e veciñas de Teo, un concello cunha poboación de 18.505 persoas censadas, entre as cales 3.131 maiores de 64 anos, que estivo a punto de ser satisfeita na lexislatura 2007-2011. O goberno municipal de Teo xa tiña dados todos os pasos para conseguir a dotación deste servizo que Manuel Anxo Fernández considera "básico": cesión da parcela, proxecto elaborado, sinatura do convenio coa Consellaría de Benestar, etc. Só faltaba adxudicar a obra. Mais a chegada do Partido Popular á Xunta frustrou as expectativas. Nuñez Feijóo anulou o convenio e concedeu o centro de día a un concello gobernado polo seu partido.

Xosé Luís Rivas ("Mini") afirmou confiar en que as emendas do BNG ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2017 corrixan esta inxustiza. "Non se entende -manifesta- como un dereito básico que corresponde garantir ás institucións públicas, neste caso a Xunta, pode ser vulnerado impunemente".

"Vamos humanizar os orzamentos. Non me doen prendas en afirmar que os que presentou o PP son uns orzamentos fríos, amigos do privado, non pensados para resolver a carencia de guarderías, residencias de maiores, centros de días públicos,... Hai oferta de prazas nos centros privados concertados, mais os centros públicos son necesarios sobre todo para as persoas que cobran pensións mínimas, risíbeis. E nós imos traballar para que se recoñeza o dereito desas persoas", subliñou.

Manuel Anxo Fernández anunciou que o BNG de Teo iniciará desde este momento unha intensa campaña para reclamar o Centro de Día da que a emenda presentada aos orzamentos será o pistoletazo de saída. "É o momento de resolver esta histórica débeda e aquí está o BNG para reclamar que abramos un novo tempo, para dotar Teo deste recurso básico", concluiu.

O BNG de Teo reclama un centro de día e un plan de seguridade viaria da AC-841 nos orzamentos da Xunta