O goberno municipal de Teo (Son de Teo-Anova e PSOE) segue sen aprobar os orzamentos do 2018

Ramallosa_-_Casa_do_concello_de_Teo

Son de Teo-Anova e PSOE prorrogan as contas de 2017 pola incapacidade para elaborar as deste ano. Servizos básicos e seguridade viaria seguen agardando por un goberno con seis dedicacións e maioría absoluta

O goberno municipal de Teo (Son de Teo-Anova e PSOE) segue sen aprobar os orzamentos do 2018

O goberno municipal de Teo, conformado por Son de Teo-Anova e PSOE, segue sen aprobar os orzamentos, deixando sen atendender necesidades fundamentais como son as actuacións en servizos básicos como o saneamento e abastecemento de auga e a seguridade viaria.

Ao igual que xa se fixera en novembro de 2017, o 4 de abril na sesión plenaria do Concello o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, preguntáballe ao alcalde polos orzamentos para 2018, a resposta do alcalde foi que “practicamente están redactados dende fai máis dun mes” e engadíu que estaban “á espera dun informe de intervención que lles dixeron que lle darían esta semana”, e que polo tanto comprometíanse a que foran ao pleno de finais de abril.

Estamos en xuño e no BNG nada sabemos do proxecto de orzamentos, mais todo indica que no mellor dos casos vai suceder como en 2017 que foron aprobados en xullo porque xa nin tan sequera se aprobaron en abril como en 2016, cando segundo o establecido deberían estar en vigor desde o 31 de decembro do ano anterior. Algo que a portavoz do PSOE e concelleira de urbanismo non se cansaba de repetir cando estaba na oposición e non tiña a nómina do concello.

Fernández Baz reclamou, máis unha vez, información ao goberno de Son de Teo-Anova e PSOE sobre a situación das contas. A resposta do goberno é a habitual, silencio absoluto, malia que o alcalde comprometeuse no

pleno a dar explicacións ou convocar aos portavoces para informar no caso de que houbese problemas, tal e como parece polo retraso das contas.

O portavoz nacionalista insiste no argumento expresado no pleno do 4 de abril de que se están sentando “precedentes de cara ao futuro, con razóns ou sen elas, e xa van tres anos seguidos”.

Diante desta situación, Manuel Anxo Fernández Baz, insta ao goberno de Sisto e Lemus a “que antepoñan os intereses dos veciños e veciñas de Teo aos seus problemas” e engadíu que “se poñan a traballar para presentar canto antes as contas para este ano 2018”. Así mesmo, Baz manifestou que “en novembro de 2017 respostaron que en xaneiro estarían aprobadas, en abril que non pasaba dese mes, pero estamos en xuño e seguimos sen información, polo que ou nos mentiron ou hai algún problema de entedemento no goberno local.”

Fernández Baz conclueu afirmando que “para os veciños e veciñas de Teo todo ten un límite, tendo en conta que temos un goberno municipal con maioría absoluta no que seis membros do goberno teñen salario do Concello, mentres a veciñanza agarda actuacións municipais en servizos como o saneamento, o abastecemento de auga, a seguridade viaria...”

O goberno municipal de Teo (Son de Teo-Anova e PSOE) segue sen aprobar os orzamentos do 2018