Imprimir

Luis Bará Pide á Xunta e ao Goberno de Teo que se deixen de evasivas e paren o despropósito da planta de Residuos da Casalonga

BNG de Teo | 20 de Xuño de 2018

Critica a “espantada” da conselleira de Medio Ambiente, que hoxe evitou contestar a pregunta do BNG na sesión plenaria de control ao Goberno 

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, criticou “a espantada” da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, quen esta tarde evitou contestar no pleno á pregunta formulada polo BNG en relación á polémica planta de residuos prevista no Concello de Teo, cuxa ubicación está proxecta na canteira de Casalonga.

Unha previsión que ten suscitado unha viva contestación social plasmada na creación da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, cuxas reivindicacións son apoiadas polo Bloque.

“Denunciamos as evasivas tanto da Xunta como do Goberno de Teo para parar este despropósito, como pide a maior parte da veciñanza e, para o BNG, sobran motivos para impedir a instalación desta planta de depuración de lodos tanto pola dimensión das instalacións, que supón un cambio urbanístico en solo rústico, como polas afectacións que terá”, salienta Bará.

A maiores, o deputado nacionalista indicou que non é posible, coa Lei do Solona man, que se lle dea autorización a unha planta destas características “que vai ter un gran impacto sobre os acuíferos, sobre a contorna, a poboación e tamén sobre o patrimonio cultural posto que afecta ao Camiño de Santiago”.

“Desde o Bloque pedimos ao alcalde de Teo que non se poña de perfil, pedímoslle ao goberno municipal de Teo valentía e determinación para denegar a compatibilidade urbanística deste proxecto, e a Xunta que lle dea carpetazo a un proxecto que, de ser necesario, terá que emprazarse nun polígono industrial”, recalca Bará.

Un argumento no que tamén incide o portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz: “Coa actual Lei do soloo Goberno municipal ten marxe suficiente para emitir un informe negativo de compatibilidade urbanística e evitar que se instale un vertedoiro na canteira de Casalonga”, polo que insta ao executivo local a buscar unha alternativa.

O BNG argumenta que existen en Galiza dezanove instalacións con capacidade para tratar ata un total de 750.000 toneladas de residuos por ano, e a previsión para a planta prevista en Teo é de 190.000 toneladas anuais, polo que xa hai instalacións capaces de absorber eses residuos. 

Ademais, o Plan de Residuosaprobado pola Xunta en 2016 e vixente até 2022 establece que este tipo de instalacións “se ubicarán preferentemente en polígonos industrias e fixa tamén rigorosas restricións noutro tipo de emprazamentos”.

Por riba, o almacenamento de augas residuais nunha gran balsa, terá como destino o rego de unha plantación de eucaliptos, “cuestión totalmente inadecuada que pode contaminar as augas”. Se finalmente se considera que a planta é necesaria, o correcto é buscar unha ubicación axeitada, conclúe o deputado nacionalista.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/luis-bara-pide-xunta-ao-goberno-teo/20180620232602000950.html


© 2018 BNG de Teo

Bloque Nacionalista Galego | Teo


Correo e: teo@bng.gal