Un xerador impide o descanso da veciñanza nos Tilos dende hai 3 meses

Xerador-Os-Tilos
Xerador-Os-Tilos
Un xerador impide o descanso da veciñanza nos Tilos dende hai 3 meses

Onte unha representación do Consello Local estivo na casa dos veciños afectados polo xerador do Hotel dos Tilos. Comprobamos que o ruído é, efectivamente, inaturábel. Na casa escoitase moito, ata o nivel de ter que falar elevando o volume normal dunha conversa. Molesta na media hora que estivemos alí, pero aturalo 24 horas ten que ser moi desesperante, sobre todo polas noites.

As familias que sofren este problema levan xa tres meses, noventa días! e o Concello non lles da solución, porén, lonxe de diso está a se converter nun problema de saúde, os veciños non poden descansar nin mesmo ventilar as súas casas, o xerador amais de ruído xera fumes e mesmo se almacena gasóleo ao seu carón sen as mínimas medidas de seguridade nin envases homologados, a tensión que está a xerar esta situación vai en aumento cada día.

As medidas que tomou o Concello, tralas reiteradas queixas da veciñanza, foi medir o ruído para comprobar que se superan os límites e dar orde de precintar o xerador, orde que non se cumpriu pois segundo a concelleira Uxía Lemus a empresa hoteleira xa solucionou o problema poñendo unhas ridículas plantas diante do xerador.

Tentar tapar o ruído dun xerador industrial con plantas, sería para rir si non fora un problema grave para as familias.

Nin o alcalde nin a súa concelleira de urbanismo queren solucionar axeitadamente o tema, amosan pouca preocupación por un problema que supera amplamente os límites da salubridade, a seguridade e por suposto a paciencia da veciñanza.

Este é o modus operandi deste concello, a inactividade ou a chafallada continua. Liortas coa Policía Local e cos funcionarios, subas da contribución, incumprimento dos compromisos adquiridos cos veciño e veciñas, coches municipais sen seguros e sen itv, multas pagadas cos cartos públicossubcontratas en situación de precariedade laboral, falla de seguridade viaria, etc.

Este non é o goberno municipal que merecemos en Teo, so preocupados pola propaganda e por aumentar as dedicacións do goberno.

Dende o BNG de Teo solidarizámonos coa veciñanza dos Tilos cansada e desesperada pola situación e esiximos a inmediata solución a este problema de saúde pública.

 

Un xerador impide o descanso da veciñanza nos Tilos dende hai 3 meses