Urxe cambiar a normativa do PSOE e as políticas de depredación do Partido Popular que permiten un vertedoiro na Casalonga 

O BNG mantén unha reunión coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa 

 

Urxe cambiar a normativa do PSOE e as políticas de depredación do Partido Popular que permiten un vertedoiro na Casalonga 

O BNG representado pola concelleira Carme Diéguez, o Portavoz municipal Manuel Barreiro e a Responsábel Local Patricia Castelao, mantivo onte unha reunión coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos na que reiteraron o apoio do Bloque á veciñanza da Casalonga na súa loita contra o vertedoiro que Toysal pretende instalar na vella canteira da zona.

O BNG exixe a PSOE e PP que deixen de xogar a dúas bandas, ou están coa veciñanza ou coa empresa e os vertedoiros, non hai máis opcións. O Portavoz municipal, Manuel Barreiro lembra que “a solución definitiva pasa por cambiar as normativas, PSOE e PP teñen que asumir a súa responsabilidade sobre a normativa estatal que facilita a instalación de vertedoiros e a autonómica que relaxa as medidas de control e facilita os tramites para acelerar o proceso”, e continuou “que foi daquela promesa de cambio normativo antes das municipais por parte do Secretario de Estado de Medio Ambiente do PSOE, Sr Morán? Van dous anos e tanto o PSOE coma o PP só deron pasos para facilitarlle as cousas ás empresas”. Barreiro, lamentou que “no PSOE municipal teñan esa actitude de desleixo co noso e de submisión a Madrid que lle ten as mans atadas. Compre activar todas as medidas posíbeis dende a protección dos humedais até o contencioso administrativo e finalizou asegurando que “cada día é máis difícil diferenciar a PSOE e PP, ambos responden só a ordes que veñen dende Madrid e ás oligarquías das grandes empresas depredadoras, dá o mesmo que sexan minas, canteiras, vertedoiros ou eólicos, sempre se poñen de costas á veciñanza.”

Así mesmo, Barreiro lembrou que non é a única ameaza no noso concello “as políticas de depredación do Partido Popular e do PSOE permiten un vertedoiro á beira das casas na Casalonga e un parque eólico na meirande estación de petróglifos da comarca, no Monte Piquiño en Luou e Lampai.”

O BNG exixe ao Partido Popular que cambien a súa posición de defensa das grandes empresas fronte aos intereses veciñais e que deixe de enganar á veciñanza dicindo unha cousa en Teo e votando o contrario no Parlamento de Galiza, onde rexeitou modificar a Lei do Solo para evitar la instalación de plantas de residuos en solo rústico, pese a terse comprometido. Tamén exixe contundentemente o cambio da normativa do PSOE que permite o vertedoiro, e que ademais forma parte dun compromiso de abril de 2019 do Secretario de Estado coa Plataforma Casalonga Limpa.

Reiteramos o noso apoio á veciñanza da Casalonga e nosa disposición a unha verdadeira  unidade de acción co obxectivo de impedir que se instale o vertedoiro en Teo mais é hora de sinalar que a situación ten dous culpábeis que son os que poden cambiar as normativas e non queren facelo.

Urxe cambiar a normativa do PSOE e as políticas de depredación do Partido Popular que permiten un vertedoiro na Casalonga