Breve encontro co deputado Nestor Rego
Este xoves 21, ás 18.00h na explanada da Asociación A Baiuca teremos un breve encontro con Nestor Rego , deputado do bng no Congreso, para falarmos da pirotecnia que se quere instalar en Solláns e explicar o sentido das preguntas que presentou o BNG a pasada semana no Congreso e comentar os seguintes pasos que daremos para tratar de paralizar a súa construcción nos terreos actuais.
Agardámosvos!
Inauguración do local do bng de Teo
No bng de Teo vimos de inaugurar este Venres día 15 de Xullo de 2022 un local amplo, luminoso arrente de rúa e aberto á veciñanza que ten como obxectivo converterse nun espazo de referencia e encontro non só para a militancia senón para todas as veciñas e veciños de Teo.
O local está ubicado na Travesía de Cacheiras num. 62.
Queremos agradecer a súa presenza a tódalas persoas que se achegaron onte ata a inauguración.
Nota de Prensa 14 de Xullo de 2022
O BNG de Teo inaugura en Cacheiras un local aberto á veciñanza
A portavoz municipal, Patricia Castelao, participará no acto de apertura que terá lugar este venres ás 20.30 horas
Teo, 14 de xullo de 2022.- Como unha "casa aberta" á veciñanza presenta o BNG de Teo o novo local que este venres inaugura en Cacheiras. A portavoz municipal, Patricia Castelao, e a responsábel de organización da executiva da formación nacionalista, Lucía López Sobrado, participarán no acto de apertura ao que convidan á veciñanza do concello.
O BNG de Teo inaugurará este mesmo venres un local amplo, luminoso, a rente de rúa e aberto a veciñanza que ten como obxectivo converterse, segundo apuntan, "nun espazo de referencia e encontro non só para a militancia senón para todas as veciñas e veciños de Teo".
O local está situado nun baixo da travesía de Cacheiras, un espazo privilexiado, moi transitado, céntrico e de fácil acceso desde todo o territorio do concello. "Buscabamos que a propia ubicación fose tamén accesíbel, que estivese a man de quen quixese achegarse e participar da actividade como achegar suxestións ou preocupacións con respecto ao concello", apunta a portavoz municipal, Patricia Castelao.
Proceso de consulta para unha alternativa necesaria
O novo espazo que o BNG abrirá este venres cun convívio festivo será tamén un lugar clave para o proceso participativo e de diálogo coa veciñanza que a formación nacionalista inicia de cara as eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano. "O BNG quere coñecer de primeira man os problemas, os proxectos e os desexos dos veciños e veciñas. Interésanos a opinión da xente para elaborar o noso programa, para a nosa acción municipal e para apostar por iniciativas que melloren a vida das teenses", explica Patricia Castelao que convida ás persoas que residen no concello a facer as súas achegas e trasladar as súas preocupacións á formación nacionalista.
"O BNG caracterizouse sempre por saber escoitar, por preguntar e por tratar de solucionar os problemas que afectan ás persoas en Teo. O local é un paso adiante, a apertura dun espazo que contribuirá a que todo este proceso sexa máis fácil", explica Patricia Castelao que destaca tamén a cómoda situación das novas instalacións, moi a man para as parroquias do concello.
Ademais da propia actividade política da organización nacionalista que consigue co novo espazo un local para a celebración de asembleas e reunións, o BNG considera que este local será tamén un "lugar aberto para encontros e debates, para presentacións e entrevistas, para que as persoas que traballan por un Teo mellor teñan posibilidade de acceder a un local cómodo e en condicións".
Expectativas para as municipais
A portavoz municipal, Patricia Castelao, apunta ademais a que a apertura do novo local responde tamén "ás expectativas que temos de cara ás próximas eleccións municipais nas que queremos ofrecer unha ferramenta con garantías e imprescindíbel para a mellora do concello e da vida de todas as persoas que o habitamos". "Somos a alternativa real, unha forza en crecemento a nivel galego e municipal que precisa, tamén por esta razón, un espazo digno para o desenvolvemento deste proceso de encontro e diálogo que xa avanzamos nestes tres anos mais que queremos intensificar para que boa parte da veciñanza participe no noso proxecto, que está aberto a todas e todos", apunta Castelao.
INAUGURAMOS LOCAL EN TEO
Convidamos a toda a veciñanza á súa posta de longo o próximo venres 15 de Xullo ás 20:30h.
O local está ubicado na Trv.de Cacheiras num. 62.
Anímate! Achégate! Haberá uns petiscos e poderedes coñecer á nosa actual voceira Patricia Castelao
Salvemos o Monte Piquiño
O domingo 5 de xuño o bng de Teo participou na manifestación contra a depredación eólica que fomentan os gobernos da Xunta e do Estado.
Salvemos o Monte Piquiño !!!