OS ENFRONTAMENTOS ENTRE O GOBERNO LOCAL E A XUNTA DE GALIZA PREXUDICAN GRAVEMENTE Á VECIÑANZA DE TEO

O BNG exixe solucións á problemática polas afeccións da demarcación das estradas

Diante desta situación, o portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, afirmou, despois de asistir a varias xuntanzas sobre o asunto, e de constatar o aumento da preocupación veciñal, que “os veciños e veciñas quéixanse de que sairon das reunións con máis dúbidas das que tiñan cando entraron”

O BNG exixe solucións á problemática polas afeccións da demarcación das estradas

Desde que se coñeceu en decembro a afección pola demarcación de estradas de titularidade galega en Teo, e nomeadamente da autovía Santiago-A Estrada, iniciouse un conflito entre o goberno local e a Xunta de Galiza, con intercambio de acusacións que fan aumentar a preocupación entre a veciñanza afectada.

Ao longo do pasado mes de decembro, e do que vai de xaneiro, producíuse un cruce de acusacións entre o goberno municipal, e a Xunta, actuando de espadas a delegada do alcalde e máis o portavoz local do PP, e co maior desprezo aos veciños e veciñas de Teo mentres abandonan as súas responsabilidades na resolución das afeccións da demarcación de estradas que inciden nas propiedades da xente de Teo.

Diante desta situación, o portavoz municipal do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, afirmou, despois de asistir a varias xuntanzas sobre o asunto, e de constatar o aumento da preocupación veciñal, que “os veciños e veciñas quéixanse de que sairon das reunións con máis dúbidas das que tiñan cando entraron”, polo que engadíu que “é necesario dar información para resolver problemas e non para crear máis”, e por outra banda, reclamoulle tanto á Xunta do PP como ao goberno local de Marea-Psoe que “se deixen de enfrontamentos políticos puramente electoralistas, e dean unha solución razoábel aos problemas da veciñanza de Teo.”

Finalmente, Fernández Baz destacou que “non son de recibo os contínuos cambios de criterio en materia de ordenación do territorio, do urbanismo ou no ámbito das infraestruturas, porque esta forma de actuar xenera moita inseguridade para os veciños e veciñas, polas consecuencias que teñen sobre as súas propiedades e os seus lexítimos dereitos. É a peaxe que paga a veciñanza por un goberno inestábel e sen criterio.”