O PP DE TEO A FAVOR DA CELULOSA DE ALTRI

Nota de presa  resumo do pleno do 25 de abril de 2024
O PP DE TEO A FAVOR DA CELULOSA DE ALTRI

O PP de Teo posiciónase a favor do proxecto de industria téxtil e de celulosa Altri 

En rogos, a organización nacionalista informou da necesidade de mellora en diferentes puntos do concello 

 

Teo, 25 de abril de 2024.- No día de onte tivo lugar o Pleno Municipal correspondente ao mes de abril. Entre os diversos temas que se abordaron, atópase unha moción para amosar o rexeitamento de Teo ao proxecto de industria téxtil e de celulosa de Altri, que se pretende instalar en Palas de Rei, pola súa afección ao medio ambiente do río Ulla e da ría de Arousa. Toda a oposición votou a favor, a excepción do PP, que negou a posibilidade de contaminación e indicou que será unha mellora para unha “comarca deprimida” como a Ulloa.  

Outro dos puntos a tratar na orde do día foi unha corrección, que o goberno local atribúe a un erro material, nas bases de execución do orzamento 2024. Así, nos presupostos presentados polo goberno en xaneiro aparecía destinada unha subvención nominativa para actividades de estimulación do alzehimer á fundación Foltra. Tras as queixas e o malestar amosado por numerosas familias e usuarios do servizo, o BNG de Teo levou o tema a dous plenos anteriores e o PP indicou que todo era un “bulo” e que o servizo en todo momento se expuxo con Agadea, que a Foltra só se lle pediu un orzamento. Así, no día de onte o Pleno tivo que votar para cambiar “Foltra” pola “asociación Agadea”, a pesar de que só era un “bulo”. Con esta, xa van varias modificacións dun orzamento sacado adiante en xaneiro e cunha maioría absoluta.  

Por último, o BNG informou en rogos e preguntas de diferentes necesidades de mellora no municipio. Entre elas está a relocalización de diferentes contedores en Constenla, na travesía de Cacheiras e en Ameneiro. Tamén preguntou polo amontoamento das marquesiñas retiradas na zona verde da Casa Común de Lucí. Ademais, indicou ao goberno dunha zona perigosa e sen entubar no lugar das Cruces, que xa provocou algún accidente. Tamén lle pediu o mantemento e coidado dos lavadoiros.  

Por outro lado, tras a retirada de varias lombas en diferentes estradas do concello, o BNG preguntou ao goberno como ía xestionar a seguridade nesas estradas, nas cales a velocidade de moitos vehículos aumentou considerablemente, como no lugar de Bustelo ou por Augas Mansas. A rexedora municipal informou que teñen previsto pintar algúns pasos de peóns e que controlarán a velocidade mediante un radar móbil. Xa para rematar, o BNG solicitou ao goberno municipal que contemple a mellora da estrada que une Fornelos co cemiterio de Rarís, pois atópase en moi mal estado.

O PP DE TEO A FAVOR DA CELULOSA DE ALTRI