Achegamos unha proposta de obras e infraestruturas para Teo

Manuel Anxo Fernández Baz sinala que mentres outros levan enredando dende maio nós xa levamos un mes traballando

Achegamos unha proposta de obras e infraestruturas para Teo

Atendendo á convocatoria realizada desde as áreas de urbanismo e infraestruturas para facer propostas de cara ao vindeiro plan de obras da Deputación da Coruña e no marco dos fondos europeos que vai recibir Teo, trasladamos a seguinte lista de obras e infraestruturas que se irá ampliando ao longo deste mandato, e tendo presente que son moitas as necesidades no concello en materia de obras, servizos e infraestruturas.

Propostas e apreciacións:

- Sendas peonis (beiravías):

• Continuación da beiravía existente en Luou desde o cruce da estrada que vén de Calo até o campo de fútbol de Luou (Bustelo).

• Senda peonil/beiravía desde a rotonda do Gadis de Reborido até o CEIP de Calo. Continuando a beiravía existente.
• Continuación da senda peonil desde o Sisto até o Gadis de Cacheiras e até o Cemiterio de Cacheiras.

• Ter en conta as propostas de beiravías que se realizaron nas reunións coa veciñanza.

- Estradas:
• Reposición do firme da estrada que vai de Calo até Luou por Mouromorto.
• Reposición do firme da estrada que bordea Augas Mansas e comunica coa estrada provincial.

- Saneamento:
• Vivendas que faltan nos lugares de A Ermida e Ribas en Oza.
• Vivendas de Chao do Río (Reis) e A Florida (Rarís).
• Priorizar este servizo básico nos lugares e vivendas de Teo que hoxe carecen do mesmo.

- Abastecemento de auga:
Levar o servizo de abastecemento de agua á parroquia de Lampai.

- Apoiamos todas as actuacións nos entornos dos centros de saúde e de ensino, así como as propostas que se enmarquen no obxectivo de mellorar a seguridade viaria e humanizar o concello.

Neste sentido é fundamental que se impulsen actuacións para construir e habilitar os chamados “camiños seguros”, dándolle todo o apoio necesario desde o Concello para garantir a seguridade.

- Infraestruturas deportivas:
Atender as demandas dos clubes deportivos que centran o seu traballo no fomento do deporte de base no que ten a ver coa dotación de infraestruturas para facilitar a práctica do deporte ás persoas máis novas.

- Poñer en marcha as actuacións previsas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible.

- Ampliar o parque infantil de Campos de Mirabel tanto en superficie como en equipamento . Propoñemos que se estude o cambio da ubicación actual.

O BNG logo de facilitar, por responsabilidade coa veciñanza, a resolución do conflito xerado pola actitude caprichosa, irresponsábel e pueril do alcalde e do grupo de Son de Teo cos salarios, dá por pechado este asunto. Manuel Anxo Fernández Baz pídelle ao rexedor “que se centre en recuperar o tempo que nos fixo perder a todos e todas cos seus caprichos infantís e que tome nota do que é unha actitude constructiva e dialogante” e lembralle que “el leva enredando dende maio pero nós xa levamos un mes traballando”.