Aprobase a nosa iniciativa para rematar a concentración parcelaria en Teo
Fernández Baz, acompañado dun grupo de veciños, entregou no Concello máis de 500 sinaturas para reforzar a iniciativa
En outubro o BNG, respondendo a unha demanda veciñal, puxo en marcha unha campaña para instar ao goberno local e á Xunta de Galiza a retomar e rematar as concentracións parcelarias declaradas caducadas polo PP en 2015, e que afectan ás parroquias de Bamonde, Lampai, Lucí, Luou, Oza, Rarís, Teo e Vilariño. No marco da campaña realizáronse dous encontros con veciños un Luou e en Oza nos que se acordou presentar unha moción no Concello e unha iniciativa no Parlamento, así como recoller sinaturas para reforzar a motivación da reestruturación parcelaria.
A finais de outubro, o noso portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, defendeu a moción co obxectivo de acadar a implicación do Concello nesta demanda veciñal, que contou co apoio unánime de toda a corporación. O 23 de novembro, o deputado Xosé Luis Rivas Cruz reclamou na Comisión 7ª do Parlamento galego que a Xunta execute as actuacións necesarias para retomar e rematar a concentración, proposta que foi aprobada por unanimidade.
Paralelamente ao traballo institucional, recolléronse máis de 500 sinaturas que foron entregadas este venres no Concello por Manuel Anxo Fernández ao que acompañaron un grupo de veciños e veciñas.
Fernández Baz manifestou a “satisfacción do BNG ao acadar o obxectivo proposto de acadar a unanimidade diante desta demanda veciñal” e engadiu que “estaremos vixiantes para que tanto o goberno local como a Xunta cumpran co acordado e reinicien os traballos de reestruturación parcelaria en Bamonde, Lampai, Lucí, Luou, Rarís, Teo e Vilariño.” E rematou lembrando que “son 2.415 hectáreas as que quedan sen concentrar nesas 3 zonas nas que xa se ten realizado o levantamento topográfico”, e engadiu que . “os veciños e veciñas entenden que os motivos polos que se solicitaron estas concentracións e foron declaradas de urxente execución seguen vixentes polo que reclaman que se rematen as concentracións”.