Aprobada a moción do BNG instando á Xunta a reducir a velocidade diante do CEIP da Ramallosa

Fernández Baz reclama a implicación da Xunta na mellora da seguridade viaria na AC-841

Aprobada a moción do BNG instando á Xunta a reducir a velocidade diante do CEIP da Ramallosa

Foi aprobada por unanimidade a moción do BNG na que se insta á Xunta a cambiar o paso de peóns para o novo acceso ao CEIP da Ramallosa e ao pavillón, a converténdoo nun paso sobreelevado e a reducir a velocidade máxima no tramo que vai desde a rotonda que da acceso ao colexio até o edificio do Concello.

Estas reclamacións comunicadas pola ANPA e a comunidade educativa ao BNG son precisas para mellorar a seguridade do alumnado e dos usuarios e usuarias do pavillón municipal, medidas sinxelas que se poden implementar a curto prazo, só dependen da vontade política.

A estrada AC-841 Santiago-A Estrada, de titularidade e competencia da Xunta de Galiza, pasa á beira do CEIP da Ramallosa sen contemplar medida algunha de seguridade viaria como correspondería a unha zona escolar, sendo unha medida necesaria e que non require moito investimento, reducir o límite de velocidade.

Por outra banda, estase a facer unha obra municipal de accesibilidade ao colexio e ao pavillón Ezequiel Mosquera. Este novo acceso require un cambio na ubicación do paso de peóns que existe na actualidade que comunicaba co antigo acceso a pé ao centro. Ademais de trasladar o paso de peóns para o novo acceso, e tendo en conta que se trata de zona escolar, é necesario que o paso de peóns fose sobreelevado para reducir a velocidade dos vehiculos e garantir a seguridade viaria.

Por isto, o portavoz nacionalista, Manuel Anxo Fernández Baz, en consonancia coas demandas da comunidade educativa do CEIP da Ramallosa, comunica que: “con esta moción instamos á Xunta de Galiza a reducir a limitación de velocidade na estrada AC-841 no tramo que vai desde a rotonda que da entrada ao CEIP da Ramallosa até o edificio do Concello, e a que cambie o paso de peóns da ubicación actual para o novo acceso adaptado ao colexio e ao pavillón Ezequiel Mosquera, transformándoo nun paso de peóns sobreelevado para mellorar a seguridade viaria.”