OS VECIÑOS E VECIÑAS DA ZONA DENUNCIAN QUE SE USAN COMO CARRÍS DE ADIANTAMENTO.
Esiximos medidas de seguridade viaria na Travesía de Cacheiras.
Denunciamos o grave problema para a seguridade que representa o feito de que estas vías son usadas de xeito temerario e indebido para adiantar.
Manuel Anxo Fernández Baz, concelleiro do BNG en Teo, levou ao pleno do Concello un rogo dirixido ao Alcalde, para que se adopten das medidas necesarias para garantir a seguridade viaria nas vías de servizo da Travesía de Cacheiras. A veciñanza ven denunciando dende hai tempo o grave problema para a seguridade que representa o feito de que estas vías son usadas de xeito temerario e indebido para adiantar a vehículos que circulan pola vía normal, segundo denuncian os veciños e veciñas da zona xa se teñen dado situacións perigosas para a integridade física dos peóns.
Asemade o portavoz do BNG preguntou polos prazos e as actuación previstas para a mellora de seguridade viaria na contorna da urbanización Augas Mansas. O concelleiro do BNG lembroulle ao goberno municipal que os pasos elevados foron anunciados aos veciños e veciñas en febreiro de 2016 pola concelleira de Urbanismo, mais aínda están sen facer, cando xa vai alá un ano e medio. Por último lembrou o mal estado das estradas polas que se accede á urbanización cun firme deteriorado e pouca sinalización e reclamou as actuacións precisas para solucionar os problemas de seguridade viaria dun núcleo no que viven case cincocentas persoas.