Lamentamos que Son de Teo-PSOE puxeran fin ao proxecto cultural que representaba contar cunha compañía de teatro residente

O responsábel local do BNG, Manuel Barreiro, considera que “o goberno municipal debe explicar esta decisión”, ao que engadiu que “os veciños e as veciñas de Teo queremos saber se estaba recollida no acordo de goberno de Son de Teo e PSOE.”
Lamentamos que Son de Teo-PSOE puxeran fin ao proxecto cultural que representaba contar cunha compañía de teatro residente

O BNG amosa o seu rexeitamento á decisión de rematar de xeito unilateral, apresurado, e sen comunicalo previamente á Corporación municipal, coa posibilidade de que Teo dese continuidade ao proxecto cultural que se pretendía consolidar a través dunha compañía de Teatro no concello, neste caso Chévere.

Nos últimos anos defendeuse desde o Concello a necesidade de ter en Teo unha compañía residente de teatro, un proxecto que comezou en 2012 co goberno do BNG a través dun Convenio con Chévere. Mais todo o esforzo realizado foi emendado de maneira rápida e contundente polo PSOE de Teo a través da súa concelleira de cultura, Mayte Argibay, coa conivencia do alcalde, apostando por non reeditar o concurso público para seguir tendo unha compañía de teatro residente.

O responsábel local do BNG, Manuel Barreiro, considera que “o goberno municipal debe explicar esta decisión”, ao que engadiu que “os veciños e as veciñas de Teo queremos saber se estaba recollida no acordo de goberno de Son de Teo e PSOE.” E resaltou neste sentido que “falamos dun acordo do que nada sabemos, polo que, e por transparencia, pedimos que se faga público, se realmente existe.”

Manuel Barreiro destacou que “no BNG entendemos a cultura como un alicerce primordial da sociedade, e non pensamos que deba estar sometida a decisións caprichosas e populistas, senón a un programa de goberno e a un plan de actividades ligado a uns obxectivos e a unhas funcións sociais, e que neste caso cumpría incluso cun notable prestixio dado os premios recibidos pola compañía residente.” 

Barreiro subliñou que “o BNG non pode máis que preguntarse quen goberna este concello e denunciar que a forma na que se despachou a Chévere pola porta de atrás, é reprobable, urxindo ao abandono das instalacións e negándolle incluso a posibilidade de ofrecer un espectáculo de despedida, non son máis que outro xeito de censura”, ao que engadiu que “realmente isto demostra que o PSOE asume unha estratexia en materia de cultura igual a do PP, co sorprendente silencio cómplice de Son de Teo.”

Diante desta situación, o portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, insta ao alcalde a que explique “se esta medida foi tomada de maneira unilateral por parte do PSOE ou forma parte do acordo que supostamente asinaron, porque é difícil entender que non fixese nada para impedilo ou alomenos para que as formas fosen outras”. Tocante á política cultural, Baz asegurou que “non só é o trato dispensado á Compañía Chévere, cuxa traxectoria e labor como compañía residente merece todo o recoñecemento, temos coñecemento de queixas de compañías de teatro que tiñan espectáculos xa programados e datas reservadas pola anterior concelleira que foron cancelados sen explicación nin motivo aparente”. Finalmente, o portavoz nacionalista esíxelle ao alcalde que explique a que teñen previsto adicar os recursos da partida orzamentaria que ía destinada a este proxecto cultural, así como que pensan facer para suplir a programación cultural que asumía a compañía.