Preguntamos polo funcionamento da empresa de mantemento das zonas verdes

Preguntamos polo funcionamento da empresa de mantemento das zonas verdes

Diante das moitas denuncias de incumprimento dos pregos reclámamos a remunicipalización do servizo

 

Temos coñecemento da existencia de varios escritos rexistrados polos traballadores da empresa de conservación, mantemento e mellora das zonas verdes e axardinadas do concello de Teo, nos que se pon de manifesto reiteradamente a situación de precariedade na que se atopan os traballadores, así como os constantes incumprimentos das obrigas que lle corresponden á empresa en relación cos pregos do servizo.

Diante desta situación que consideramos grave, o portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, vai formular unha pregunta no vindeiro pleno sobre a situación do servizo e para coñecer cal foi a actuación do goberno municipal e que pensa facer para reverter a situación do servizo e dos traballadores.

Os traballadores da empresa contratada polo Concello comunicáronlle ao concelleiro a situación de precariedade desde todos os puntos de vista, tanto no que ten a ver cos dereitos laborais, como por exemplo o retraso no pago das nóminas ou o incumprimento do convenio colectivo, como nas condicións de traballo en tanto que non dispoñen tan sequera de combustíbel para os vehículos nin para a maquinaria, o que imposibilita a execución dos traballos que corresponden por contrato.

Por todo isto, Fernández Baz, tendo coñecemento de que o goberno municipal dispón desta información desde decembro de 2014, reclama “unha actuación urxente do goberno municipal de maneira que mentres se manteña esta situación, se garantan os dereitos laborais nas empresas que xestionan servizos públicos, e que paralelamente inicie os trámites para rescatar o servizo, pois os pregos están para ser cumpridos”.

O voceiro do BNG puxo de manifesto que “a xestión pública do mantemento dos parques e xardíns foi unha das promesas do actual alcalde na campaña electoral.” E concluíu reafirmando que “os veciños e as veciñas de Teo necesitan un goberno eficaz que xestione correctamente os seus recursos.”