Imprimir

Organizamos unha andaina para reclamar seguridade viaria en Teo

BNG de Teo | 16 de marzo de 2017

Convocamos unha andaina popular para denunciar os graves problemas de seguridade viaria que sofren os veciños e veciñas de Teo.

O BNG de Teo convoca unha andaina popular para denunciar os graves problemas de seguridade viaria que sofren os veciños e veciñas de Teo ao tentar desprazarse a pé polas beiras das estradas. Será o sábado 18 ás 12 horas, con saída no cruce de Solláns e percorrido até Santo Domingo.

Esta andaina forma parte da campaña pola seguridade viaria do BNG e ten como obxectivo conseguir un Plan de seguridade viaria e de humanización do concello, e a súa execución para resolver os problemas que sufrimos os veciños e veciñas.

A andaina ten como propósito demostrar na práctica as dificultades que os veciños e veciñas do municipio atopan decote para evitar atropelos ou accidentes, “_dada a estreiteza das estradas, a carencia de zonas habilitadas para o paso de peóns e o mal estado no que se atopan as beiravías e gabias en practicamente toda a rede viaria interior do concello_”. Algo que desde o BNG veñen denunciando xunto con outros graves problemas de seguridade viaria en todo o territorio municipal.

Desde o BNG de Teo animan á veciñanza a participar nesta andaina, portando chalecos de seguridade.  “_Trátase dun pequeno percorrido que non levará máis de 20 minutos, pero onde se poderá visualizar as múltiples ocasións en que a pericia de peóns e condutores/as evitan  accidentes de graves consecuencias_”, afirman desde o BNG teense, algo que non debería suceder se se estabeleceran unhas mínimas medidas de seguridade viaria que permitiran camiñar con tranquilidade polas vías do concello.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-organiza-andaina-teo-reclamar-seguridade-viaria-teo/20170316122012000769.html


© 2020 BNG de Teo

Bloque Nacionalista Galego | Teo


Correo e: teo@bng.gal